Rodrigo Ramos: «O concerto da Pousada será especial, pois marcará o peche da xira en Galicia»

O artista leva un tempo dando a coñecer o seu primeiro disco, «Mirabas almas»


Despois dunha longa etapa formando parte de Barrio Rojo, Rodrigo Ramos iniciou no 2015 a súa carreira en solitario, estreándose co disco Mirabas almas. O artista está divulgando este traballo nunha xira que inclúe unha parada na Pousada das Ánimas de Boiro. Saltará ao escenario mañá, ás 23.00 horas.

-¿Como nace o disco?

-Empecei compoñendo Mirabas almas, a canción que lle dá título. Foi das primeiras que creei pensando xa nunha carreira en solitario. Parecíame un título moi axeitado tamén para expresar o momento no que estaba, como un gran canalizador do resto de temas, pois mirar a alma propia ou allea sempre é un exercicio que vai da man coa música, con escribir.

-¿De que fala neses temas?

-Neste disco, a interpretación é moi libre, gústame deixar as cancións abertas para que cada as interprete como queira. Teño o meu propio obxectivo e a miña misión cando escribo a letra, pero logo quero que o público quite as súas propias conclusións.

-¿Hai un estilo predominante neste traballo?

-Escoito de todo en canto a música e esas son as miñas influencias. Non digo máis que en febreiro fun a un concerto de Metálica a Lisboa, que é un dos meus grupos favoritos, e logo, a ver a Bob Dylan a Salamanca. Son dous estilos opostos, pero gústame todo. Ao final, a mente dun músico ten que ser máis aberta cá dun oínte normal, necesitas ter unha enciclopedia grande na cabeza en canto a sonoridades e opcións.

-É un proxecto en solitario, pero para a xira arroupouse de toda unha banda...

-Pois si, nesta xira ofrecemos algún concerto en acústico, eu só con outro guitarra; pero agora estou con Lucas Márquez, con Pepe Sangabriel e con Yago Fernández, que me acompañan da miña etapa en Barrio Rojo; e despois, Rafa Souso, outro guitarra xenial. É unha experiencia moi boa, sempre axuda ter xente ao lado coa que coincides musical e persoalmente. A sensación de banda é complicada de obter, pero é fundamental nos directos.

-Esta actuación na Pousada será a última en Galicia desta xira, ¿non si?

-Estivemos en Vigo, na Coruña, en Ourense, en Silleda, en Santiago... e incluso por fóra de Galicia. Agora quédanos Madrid e Barcelona, pero o concerto da Pousada será especial, pois marcará o peche da xira en Galicia. Tiña moitas gañas de tocar nesta sala, onde teño estado como público, pero non como músico. Creo que é un local moi especial. É un privilexio para os boirenses ter unha sala que faga programación habitual e de calidade, como é este caso.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

Rodrigo Ramos: «O concerto da Pousada será especial, pois marcará o peche da xira en Galicia»