Barbantia aviva as letras co premio Carlos Mosteiro

A iniciativa está dirixida a obras de literatura infantil e dotouse dun galardón único de 1.500 euros

.

Leva desde a súa fundación, no ano 2004, divulgando a cultura e, sobre todo, o eido literario mediante a presentación de libros e sacando á luz, mensualmente, o suplemento La Voz de Barbantia. Pero facía tempo que a asociación Barbantia quería dar un paso máis para incentivar o eido das letras premiando a creación en galego. Figuraba na folla de ruta que os socios da entidade aprobaron a comezos de ano e onte, o certame Carlos Mosteiro foi presentado oficialmente.

O concurso está dirixido a todos os autores que queiran sumarse, independentemente da súa nacionalidade, aínda que terán que redactar os seus textos en galego. Deben ser obras inéditas que se enmarquen no eido da literatura infantil, é dicir, que vaian destinadas a nenos de entre 3 e 12 anos.

Nesta primeira edición, o certame está dotado cun premio único de 1.500 euros, aínda que poderá ser declarado deserto se o xurado considera que ningunha das obras presentadas acada a calidade literaria suficiente. Ademais, o traballo gañador será publicado pola editorial Galaxia na súa colección Árbore.

Aqueles que estean pensando en concorrer a este certame literario deben ter en contar unha data, o vindeiro 2 de maio, que será cando remate o prazo para presentar as obras. Estas poderán entregarse no rexistro do Concello da Pobra ou seren enviadas por correo, admitíndose tanto o forma en papel coma o dixital. Un xurado composto por tres persoas vinculadas á literatura infantil revisará os textos para emitir un fallo que se dará a coñecer o 3 de xullo. A entrega do galardón e a presentación do libro, xa editado, están fixadas para o 3 de novembro.

Homenaxe

O concurso foi presentado na Pobra, por ser este o Concello que asume a dotación orzamentaria para a concesión do galardón e tamén porque alí exerceu como mestre Carlos Mosteiro, falecido en xuño do ano pasado, ao que Barbantia quixo dedicarlle a iniciativa. Manuel Cartea, o presidente da asociación, explicou onte que o autor foi un dos socios fundadores da entidade, na que participou de forma activa ata a morte.

O acto de presentación contou coa participación da viúva, que agradeceu o lanzamento do certame, cualificándoo coma o mellor xeito de manter viva a figura de Carlos Mosteiro.

Despois de que a concelleira de Cultura, Genoveva Hermo, debullara polo miúdo as bases e animara aos escritores da comarca a sumarse á convocatoria, o rexedor pobrense, Xosé Lois Piñeiro, apuntou que no verán se intensificarán os actos para lembrar ao escritor. Avanzou que será no mes de xullo cando se descubra a placa da rúa que se lle dedicará ao autor, tal e como se aprobou en pleno, e engadiu que este acto formará parte dunhas xornadas que xirarán ao redor da figura do mestre.

O escritor de Mazaricos Ismael Ramos estivo na Pobra representando a Galaxia.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Barbantia aviva as letras co premio Carlos Mosteiro