Serafín Marcos: Baixo a pel de 15 escritores ilustres

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

O noiés está a piques de estrear a súa montaxe sobre María Victoria Moreno

24 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

En maio do 2003, a Tasca Típica de Noia enchíase para presenciar un orixinal percorrido pola vida e pola obra dun veciño ilustre, Antón Avilés de Taramancos. Aquel espectáculo marcaba o punto de partida dunha iniciativa que segue viva na actualidade e que ten como eixe o maxín de Serafín Marcos. Cada ano, o artista mergúllase na historia do escritor elixido pola Real Academia Galega para ser homenaxeado no Día das Letras e confecciona unha montaxe que ten por obxectivo principal achegar dita figura á sociedade, sobre todo ás novas xeracións. Nestes momentos, está de xira cun espectáculo sobre María Victoria Moreno que bautizou como Unha historia de amor.

Entre os aspectos positivos que para o artista de Noia ten esta iniciativa atópase o feito de que lle permite coñecer a fondo escritores dos que previamente tiña poucos datos. Foi o que lle aconteceu coa autora deste ano: «O certo é que non sabía nada dela e descubrina mentres montaba o espectáculo». Un proceso que lle levou o seu tempo, xa que tivo que recorrer a varias biografías e tamén á súa obra, enmarcada sobre todo no eido da literatura xuvenil: «Ata me resultou algo complicado concretar o seu ano de nacemento, xa que nos seus propios libros aparecían tanto o 1939 coma o 1941. A súa nai falseara o dato porque ingresara con dous anos de atraso no curso que lle correspondía pola idade».

Na viaxe que Serafín Marcos fixo pola traxectoria de Victoria Moreno causoulle especial sensación o feito de que unha muller nacida en Estremadura chegase a ser unha gran defensora do galego: «Foi o que máis me impresionou, pois ela chegou a Galicia cando tiña 23 anos e, en plena ditadura, impartía clases de galego, o que lle custou a retirada do pasaporte».

Viaxe na Teresita

A recreación desa persecución policial marca o arranque da montaxe ideada polo noiés para divulgar a figura da escritora. Logo, embárcase na Teresita, o coche vermello que a autora tiña, para iniciar unha viaxe por Valencia de Alcántara (Cáceres), onde naceu; Madrid, onde estudou Filoloxía Románica; e Pontevedra, onde transcorreu boa parte da súa etapa en Galicia. Serafín Marcos consultou moita bibliografía, pero quedou con Anagnórise, o libro máis coñecido de Victoria Moreno, para darlle forma á montaxe: «É precisamente a historia dunha viaxe dun alumno coa súa mestra, profesora que pode deducirse perfectamente que se trata da propia escritora».

Como en ocasións anteriores, a elaboración do guión foi o proceso que máis tempo lle roubou ao artista de Noia: «É complicado, porque sempre quero darlle un fío condutor a todos os datos biográficos para transmitírllelos aos rapaces, ao tempo que busco espertar o seu interese pola lectura en galego». A poucos días da estrea do espectáculo, sitúa a Victoria Moreno entre os escritores que máis lle gustaron ao longo destes 15 anos que leva rendéndolle a súa particular homenaxe aos autores distinguidos o 17 de maio: «Penso que as súas obras están moi próximas aos rapaces, pois trata temas do mundo do ensino e problemas relacionados coa adolescencia».

Sobra dicir que ten previsto, no futuro, seguir meténdose na pel de escritores ilustres. Gustaríalle que, en breve, lle tocara mergullarse na historia de Pepe Agrelo: «Coñecino e estiven moi vinculado a el na infancia, así que unha montaxe sobre el é algo que me apetece moito a nivel sentimental». Pero pensa que a Real Academia Galega ten outra materia pendente: «Son dos moitos que estamos esperando o ano de Carballo Calero, que desexamos que a RAG se atreva xa».

Arranque da xira. Serafín Marcos comezou o xoves no IES As Insuas de Muros unha xira para divulgar a figura de María Victoria Moreno.

Calendario de citas. Na axenda do artista noiés hai fixadas xa máis dunha ducia de actuacións. Varias no Barbanza e outras en Santiago, Pontevedra e mesmo no centro galego de Alcalá de Henares.