«Tiña a sensación de que a visión sobre Manuel Antonio non era a correcta»

La Voz

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Ricardo Losada tenta desvelar os enigmas que existen ao redor do poeta de Rianxo na biografía que hoxe presenta

23 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe • Auditorio de Rianxo • 20.30 horas • O escritor rianxeiro Xosé Ricardo Losada presentará esta tarde Manuel Antonio, vida e misterio dun poeta galego, unha biografía sobre o autor de De catro a catro. Manterá unha conversa con Francisco Castro, director de Galaxia; Franco Grande e Antón Riveiro Coello, escritores; e Adolfo Muíños, rexedor local.

Ricardo Losada asegura que, á hora de mergullarse na historia de Manuel Antonio e de escribir esta obra marcouse como obxectivo desvelar unha serie de misterios que, baixo o seu punto de vista, seguían ocultos: «Foi un poeta moi enigmático. O interese por escribir unha biografía vén dado pola lectura do Epistolario. Tiña a sensación de que a visión que existía sobre o escritor non era a correcta, que había moitos enigmas».

O poeta do mar tiña sona de arroutado, pouco crente e aventureiro, pero lendo as súas cartas, Ricardo Losada chegou a outras conclusións: «Tentei desmontar moitos tópicos, como as relacións coa nai, co catolicismo e con Rafael Dieste. Creo que había detrás unha personalidade moito máis complexa».

Once capítulos

No proceso de elaboración da biografía, houbo varios descubrimentos que sorprenderon ao rianxeiro: «O que máis, a relación co catolicismo. Había unha relixiosidade difusa na súa obra, pero non pensei que houbera unha relación tan íntima e complexa. O segundo, a súa relación co sexo e co amor, porque deixa á moza cando di que está profundamente namorado dela».

Ricardo Losada estruturou a obra en once capítulos, elixindo para eles frases de Manuel Antonio a xeito de títulos, todas comezando pola palabra eu. Hai dun do que di sentirse especialmente orgulloso: «Do dedicado á interpretación de De catro a catro, que ofrece a miña visión desta obra. Para min é un libro fundamental de toda a literatura galega, pois abriu horizontes novos».

Despois de realizar as biografías de Faustino Rey Romero e de Manuel Antonio, Xosé Ricardo Losada pensa que chegou o momento de cambiar de terzo: «Teño un libro que estou rematando de relatos humorísticos e filosóficos. Atópome moi cómodo nas biografías, pero non teño agora mesmo un personaxe».

Colofón musical

A presentación do libro de Xosé Ricardo Losada coincide coa saída á luz dun novo número, o 133, do suplemento A Voz de Barbantia. O acto pecharase coa intervención musical de Graciela Boquete e Tano Domínguez, integrantes da escola de música rianxeira.