A infidelidade da memoria

UXÍA CASAL

BARBANZA

CEDIDA

23 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Se cadra, as lembranzas que menos cambian ao longo do tempo sexan as infantís compartidas cunha irmá ou unha amiga, esas que afloran a golpe de «acórdaste cando fixemos isto ou pasou aquilo?»; case sempre coinciden, para gozo das interlocutoras. Coido que non ocorre o mesmo coas que se conservan a medida que crecemos, xa que o noso cerebro vai acumulando datos e información, os estados de ánimo -e físicos- inflúen en como captamos un feito e a nosa mente vai creando, sen se decatar, lembranzas paralelas que, ás veces, pouco teñen que ver co que se viviu na realidade, pero, en xeral, son as que perduran. Con frecuencia pesan máis as impresións experimentadas ou a situación persoal, de tal xeito que, sen querer, convertemos unha situación pasada noutra ben diferente. Tenme ocorrido de adulta comentar un feito con alguén e non recoñecelo, coma se non estivésemos xuntas no momento vivido. Retrucas, discutes e entre as dúas intentamos reconstruír o que en realidade aconteceu. Acotío esta é unha tarefa inútil, porque resulta case imposible que dúas mentes funcionen ao unísono e sintan o mesmo. Por iso estou convencida de que non hai nada máis infiel có pozo da memoria.