José Manuel Lage: «A maioría non debería levar ao goberno a actuar con esa arrogancia»

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez NOIA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

O portavoz dos socialistas noieses fai un balance claro da acción do executivo: «Hai moito anuncio»

22 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Nunha nova edición do espazo Cita co Concello, estivo nos estudios de Radio Voz Barbanza o voceiro do PSOE de Noia. José Manuel Lage Tuñas fixo un duro resumo da actuación do actual executivo municipal desde a súa chegada ao poder.

-¿Que balance fai desde que a moción de censura levou ao PP á alcaldía de Noia?

-Hai que diferenciar dúas partes. Os primeiros seis meses, nos que había un goberno socialista encabezado por Miguel Paz que en moi pouco tempo e con moi poucas posibilidades económicas fixo unha serie de actuacións que son destacables e que se poñen en valor agora que pasaron dous anos e medio. En decembro do 2015 deixamos aprobadas e con orzamento actuacións tan importantes como o saneamento da Barquiña, a eliminación de barreiras arquitectónicas no barrio de San Lázaro, a mellora do parque do Campo da Roda, o saneamento en Ousoño e as beirarrúas na Ponte de San Francisco. Agora hai un novo goberno, froito dunha moción de censura, que foi incapaz de executar esas obras. O balance é pobre e constátase que a moción de censura foi un tiro ao pé do pobo de Noia. Estas obras son un exemplo, pero tamén o é a situación da Policía Local. No mes de xaneiro tomouse un acordo plenario para que se convocaran as prazas vacantes durante o primeiro trimestre do ano e a estas alturas de marzo aínda non se fixo. E hai moitas máis vacantes de traballadores municipais sen cubrir.

-Hai uns meses aprobouse en pleno a elaboración dun plan de emprego público para facer fronte a esa situación, así que parece que hai consenso en que urxe tomar medidas.

-Se todos coincidimos en que é urxente abordalo non entendemos por que non se fai. Hai moitas prazas sen cubrir e a gran pregunta é por que non se fai. O que non se pode é botar sempre a culpa a terceiros porque hai mecanismos para contratar persoal, outros concellos estano facendo.

-Neste tempo téñense evidenciado diferenzas de criterio entre os dous partidos do goberno, ¿como valoran esas discrepancias?

-Quen ten que valorar iso son os membros do goberno local, e o grupo que formulou a moción de censura terá que cuestionarse se as expectativas que tiña se viron cubertas. O que si creo é que as diferenzas dentro do goberno local non deberían afectar ao funcionamento do Concello, e o que vemos é que o Concello non funciona. Non nos agrada a forma que teñen de gobernar, hai moito anuncio e poucos feitos. Non hai un proxecto de futuro para Noia, van dando tombos, funcionan por impulsos, sen un horizonte definido.

-¿E que lle parece que a Xunta devolvera o PXOM ao Concello?

-No seu momento xa advertín que ía haber dificultades, pero quixeron sacalo adiante de calquera maneira e a realidade é que a día de hoxe o planeamento urbanístico non está aprobado. Creo que é unha mala práctica, ter a maioría non debería levar ao goberno a actuar con esa arrogancia e con esa prepotencia.