Fidel Vidal pon voz no seu libro a unha muller vítima da opresión

Ana Lorenzo Fernández
Ana Lorenzo RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

O escritor ribeirense presentou a súa obra «Os coros da novena» no Ateneo Valle-Inclán

18 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Non é doado contar unha historia cando a protagonista é unha muller que sofre unha profunda represión no eido familiar, con moitos episodios dolorosos e incluso con abusos sexuais por parte dun tío. Por este mesmo motivo, o segundo libro do escritor ribeirense Fidel Vidal, Os coros da novena, é «unha obra dura», como así a cualificaron os compañeiros e amigos que o pasado venres acudiron a súa estrea no Ateneo Valle-Inclán, nun acto organizado pola asociación cultural Barbantia e a editorial Espiral Maior. Miguel Anxo Fernán-Vello, Antonio Piñeiro, Riveiro Coello e o alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz Rivas, foron os encargados de conversar co autor sobre o eixe central deste traballo, que, como el mesmo dixo, está baseado nunha situación real «que pode ocorrer aquí ou en calquera outro lugar, porque, desgraciadamente, a realidade supera á ficción».

Vidal recoñeceu que foi un «tema bastante complexo de abordar, sobre todo tendo en conta que vivimos nunha sociedade que intenta ocultar todo o malo baixo a premisa de que os trapos sucios deben lavarse na casa». Con todo, ao mesmo tempo e tal e como apuntou desde o público o médico Santiago Méndez, tamén ten «un contrapunto de tenrura, que está patente na relación que ten a protagonista coa súa filla pequena, á que defende e trata con moito agarimo».

Presenza de

Beethoven

 

O escritor ribeirense, que exerceu no campo da psiquiatría ata que se xubilou, buscou facer un xogo co título da obra -Os coros da novena- no que ten unha importante presenza Beethoven. «O pai da protagonista era un gran afeccionado á música do compositor, e ao igual que facía o pai de Beethoven, este poñía á súa filla a recitar poemas cando viña alguén á casa, mentres que o músico tiña que tocar diante das visitas», apuntou Vidal. Para completar esta explicación, Antonio Piñeiro tamén quixo engadir que o final do libro pode considerase «como un himno á alegría».

O título do futuro traballo que xa prepara Fidel Vidal tamén apunta a un tema duro, Prohibido aforcarse no cuarto de mamá. Nel conta a historia dun enfermo que sofre unha psicose delirante, «un problema que non só afecta ao seu entorno familiar, senón que tamén implica a toda a sociedade».

Novamente, nesta obra o especialista ten que botar man da súa experiencia persoal, na que tivo que tratar moita xente con problemas de todo tipo. «Son historias reais, experiencias que coñeces pola profesión, pero das que sabes tamén porque suceden na vida real, e nos meus libros se converten en ficción», confesou Vidal.