«Alameda» mergúllase nas orixes de Noia

La Voz

BARBANZA

cedida

A publicación que edita a Sociedade Liceo dedica un número especial ao 850 aniversario da fundación da vila

18 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Son preto de noventa páxinas, pero poderían ser moitas máis, xa que a orixe da vila de Noia dá para moito que contar. Sábeno ben os colaboradores do novo número da revista Alameda, que edita a Sociedade Liceo, que desta forma tamén queren sumarse aos actos organizados con motivo do 850 aniversario da fundación da localidade.

O pasado venres tivo lugar a presentación deste exemplar, un acto moi concorrido no que se adiantaron algúns dos contidos da publicación. Ademais do debuxante Xosé Luís Axeitos, que aportou á revista unha caricatura de Fernando II, tamén interveu a arqueóloga Manuela Pérez Mato, que falou da gran importancia que tivo este municipio na Idade Media e de que grazas á arqueoloxía hoxe podemos coñecer os alicerces de Noia.

O historiador Xerardo Agrafoxo tamén tomou a palabra e explicou un pouco todo o significado da Carta Pobra, «un documento no que os reis lle daban unha serie de privilexios aos bispos para que gobernaran», recordou.

Portus Apostoli

Ao mesmo tempo, tamén lembrou a importancia do Portus Apostoli como lugar de peregrinación e un punto de referencia no Camiño Inglés, unha información que se inclúe neste número especial da revista

Alameda

, da que se editaron 3.500 exemplares, coincidindo coa cifra de socios da entidade, «o que permitirá levalo a toda a comarca», sinalou Agrafoxo.

O historiador tamén quixo engadir que neste número hai un pequeno apartado onde se anuncian as distintas charlas que haberá entre o 9 e o 13 de abril, coincidindo cos actos de celebración do 850 aniversario da fundación de Noia. Por último, «tamén se conta con tres traballos literarios que están formados por unha serie de relatos ambientados na Noia medieval, cunha cantiga de Eva Veiga e outra colaboración de Ramón Arén».

A publicación complétase cunha sección onde se explican dez cousas interesantes que se deben saber sobre a Carta Pobra, e outras dez sobre a orixe de Noia, desde a prehistoria ata a Idade Media.