Carmela Mayán: A voz que namorou as noites de Galicia

Antón parada RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

A noiesa ten unha traxectoria musical de máis de tres décadas, nas que percorreu as grandes salas do territorio

18 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Corre a década dos sesenta en Noia. No interior dun fogar da vila medieval, unha nena de 10 anos está cantaruxando os temas que brotan dunha radio subida sobre unha banqueta. Ese sería o único adestramento co que, tempo despois, aquela mesma rapaza se plantaría ante a porta dunha directora de teatro que buscaba artistas para obter unha audición improvisada. «¿Sabes cantar?». Tras entoar La luna y el toro foi contratada inmediatamente. Aquela foi a primeira actuación, A casa da Troia, de Carmela Mayán Redondo (Noia, 1952) no antigo cine de Abaixo.

Na actualidade, Carmela Mayán acadou unha traxectoria como cantante profesional de máis de tres décadas, nas que conquistou as principais salas de festa de Galicia. A súa voz, xunto as melodías de Los Querubines, foi a que inaugurou a praza de touros municipal no 1968, entoando o La la la de Massiel que lle valera a España o triunfo en Eurovisión. Mais ese é só un anaco das liñas do pentagrama sobre os que a noiesa construíu unha vida consagrada ao micrófono Shure.

Artista autodidacta

Poderíase dicir que a artista nunca foi unha moza corrente. Se ía cara a escola ou a clases de bordado e se atopaba cun anuncio no que se solicitaban cantantes, rectificaba inevitablemente o seu camiño ante unha inquedanza que se facía máis forte: «Cría que nacera para isto». Con só 13 anos, Mayán gañaba a arca de prata que corresponde ao primeiro premio do Festival do Tambre.

O seu primeiro contacto con outros músicos teríao baixo a batuta de Sebastián Paz no coro que dirixía. Así comezou a pisar escenarios e a gañar unhas máis que benvidas pesetas naquela dura época.

A herdanza da extraordinaria voz de seu pai comezaba a verse reflectida na noiesa e, xa naquela primeira agrupación, comezou a destacar como solista. En 1971 casou e marchou para A Coruña. Oito anos máis tarde, converteuse nunha das voces fixas do salón da Marina na cidade herculina. Durante dous anos e medio conquistou os oídos de mariñeiros e veciños que alí recalaban para escoitar á intérprete.

Foi entón cando o director Prudencio Romo lle propuxo actuar na sala compostelá Tío Gallo durante 15 días. Cando o seu xefe soubo que estaba actuando en Santiago ensinoulle a porta. Así foi como Romo non dubidou en transformar aquela quincena na que ían rotando os artistas en tres meses só para gozar do talento de Carmela Mayán. Á súa volta a Coruña readmitírona inmediatamente na Marina.

A cantadora tamén pasaría despois por outros salóns da cidade de cristal como o pub Swing, en Ferrol, no Agarimo ou en Sada, onde inaugurou o Gogó.

O seu propio local

«Hai 20 anos, a xente non bailaba pola noite, existía un respecto pola música e polo artista. Por iso para min cantar era un pracer», lembrou Carmela Mayán, evocando o seu paso polo pub santiagués Duque ou os dous anos de xira nos que volvería a acompañar a Prudencio Romo. Por aqueles anos oitenta chegaba a gañar dúas mil pesetas por concerto.

Cando as follas do calendario anunciaban o 1990, trasladouse a Tabeaio, Carral, onde durante nove anos tomou as rendas dun local, do que cambiou o antigo letreiro de A Martela por A Carmela. «Quería estar máis tranquila», explicou Mayán, para recoñecer que a pesar da calidade dos músicos residentes, era inevitable escoitar os incesantes «¿cando canta Carmela?».

Tras incontables actuacións, como nas que fixo inmortal as táboas do Liceo noiés, onde «me sentín artista de verdade», en novembro do 2016 abría en Noia El Rincón de Carmela. Xunto a un pianista tentou resucitar aquelas máxicas noites do pasado, pero a sociedade mudara e non se obtivo a afluencia esperada, obrigando á dor e á fin do proxecto.

En todo este tempo, as letras de cancións como Alfonsina, A mi manera, Sin embargo te quiero ou a que a facía brillar como a Rocío Jurado, La séptima ola, atoparon un refuxio especial na memoria de Carmela Mayán e nos corazóns dos seus antigos fans. Non obstante, a noiesa desvelou que un dos seus asuntos pendentes sería gravar un cedé de duetos con amigos e artistas cos que traballou no pasado. Quizais ese agasallo poida ser o pasaporte a aquelas noites, nas que unha voz noiesa namorou a Galicia.

Micrófono viaxeiro. As actuacións da noiesa abríronlle as portas a ser contratada para concertos privados en Madrid, Alemaña ou As Palmas.

No estudio. Mayán pasou polo estudio de Juan Pardo na Estrada, onde se forxou unha tirada de mil casetes da cinta que a noiesa gravou e se esgotou rápido

Primeiros compases

Carmela Mayán, á dereita de todo, nunha fotografía da década dos setenta xunto aos seus compañeiros do coro que dirixiu o reputado Sebastián Paz. Aqueles foron os primeiros directos da artista noiesa.