María Esther Olveira: «É un dereito de todos ter a opción de seguir formándose ao longo da vida»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Dirixe o programa para maiores que se desenvolve en diversas localidades da zona

16 mar 2018 . Actualizado a las 05:05 h.

Camiños de Coñecemento e Experiencia é o nome co que a Universidade de Santiago de Compostela bautizou un programa de aprendizaxe que está dirixido a maiores de 50 anos. Non se leva a cabo nas instalacións que a USC ten espalladas en Galicia, senón que, procurando democratizar a formación, chega a diferentes localidades, ata as que se desprazan os profesores. En Barbanza estase a desenvolver ou farao en breve en sete puntos. Á fronte deste plan está María Esther Olveira, a vicerreitora do IV Ciclo.

-¿A que obedece a posta en marcha deste ciclo?

-Cando, hai catro anos, chego á dirección do programa universitario de maiores decátome de que hai moita poboación que ten interese na formación universitaria, pero á que lle é complicado desprazarse a onde esta se imparte. Nace entón a idea de abrir a universidade e levar o pulmón formativo a diferentes lugares.

-¿A cando se remontan as primeiras clases?

-O ano pasado desenvolveuse un proxecto piloto e tivo unha avaliación moi positiva. Foi entón cando decidimos melloralo, abríndoo a outros municipios. O obxectivo é levar a oferta universitaria a tódalas comarcas. En Barbanza, no 2017 comezamos en Ribeira, a onde regresamos agora, pero tamén ampliamos a Rianxo, Porto do Son, A Pobra, Muros, Noia e Outes.

-¿Relaciónase de algún xeito o contido xenérico coas características de cada localidade?

-Efectivamente. O obxectivo é trasladar o programa universitario, pero poñendo en valor os recursos e o patrimonio de cada municipio. Tentamos aplicar os coñecementos á realidade máis próxima de cada grupo de cidadáns, incorporando visitas.

-Este programa nace no seo do IV Ciclo da USC, ¿que obxectivos persegue este grao?

-É un obxectivo de formación permanente e continua ao longo da vida. Todos podemos aprender e aportar para así mellorar as vivencias dos que veñen detrás.

-¿Como se elaborou o programa dos Camiños de Coñecemento?

-Pensouse nas tres grandes áreas de coñecemento: humanidades, ciencias e artes. A partir de aí, o primeiro ano elixíronse como materias a historia da arte, a música e o medio ambiente. Nesta edición introducimos unha segunda parte da historia, astronomía, saúde e envellecemento, e música galega clásica.

-¿Cales son as reaccións dos alumnos que lle chegan?

-Segundo a miña experiencia e o trato directo que teño con parte do alumnado, sei que é unha experiencia moi positiva. Agradecéuselle á USC ter esta iniciativa e pedíuselle que continuara nesta liña. En Muros, onde está a piques de rematar o programa, hai xente que se amosou disposta a matricularse o vindeiro ano en Santiago. En xeral, os maiores teñen moito interese en seguir formándose.

-¿Que persegue a USC con este achegamento da formación?

-O que pretendemos é fundamentalmente mellorar os coñecementos que ten este colectivo de xente, contar con persoas actualizadas no relativo ao que está sucedendo no seu entorno. Temos que traballar desde a localidade para chegar á globalidade. Tamén procuramos que estes alumnos se sintan mellor a nivel de autoestima e sigan facéndolle achegas ao seu medio, tanto a nivel familiar como social.

-¿Enténdese entón que o futuro pasa por continuar nesta liña?

-O noso obxectivo é seguir formando. Se a demanda é moi elevada, temos que facer un traballo en rede, dirixíndonos ás comarcas ou ás mancomunidades para instaurar programas fortes. É un dereito de todos ter a opción de seguir formándose ao longo da vida.

-Trátase de democratizar o coñecemento...

-Si, de facelo chegar a todo o mundo, de que as oportunidades non teñan que ser diferentes en función da sorte de nacer nun ou noutro lugar.