Fidel Vidal: Historiais clínicos moi inspiradores

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Cos relatos escoitados na súa consulta, o psiquiatra fabricou a súa segunda novela

15 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Empezou a escribir cando era adolescente e seguiu elaborando textos ou, máis ben, compoñendo centos de notas, ao longo do seu periplo profesional no eido da psiquiatría; pero foi cando se xubilou e comezou a gozar de tempo libre cando Fidel Vidal decidiu darlle forma de libros ás historias que fora almacenando nos caixóns. Hai dous anos regresou á súa Ribeira natal para presentar a primeira novela, Un asasino felizmente casado, e mañá volverá coa segunda entre as mans: Os coros da novena. Asegura que no volume hai moito, ou case todo, dos relatos que escoitou na súa consulta.

O libro toma como punto de partida unha historia real, á que o autor lle imprime unha importante dose de ficción, situándoa en Ribeira e o seu entorno: «É un relato contado en primeira persoa por unha profesora de instituto que se ten que reivindicar a si mesma e loitar contra a represión que viviu na casa». Como sucede no día a día, tamén neste caso a realidade supera a ficción: «As miñas historias, tanto a da primeira novela longa como esta, pertencen ao ámbito do que é a familia, nelas fálase das loitas que hai, das envexas; porque o inimigo, como ven de verse no caso do neno Gabriel, moitas veces está na casa».

Unha primeira ollada ao novo libro de Fidel Vidal permite ver que, no canto de suceder a historia en Ribeira, como el sinala, acontece en Madeira. A explicación é sinxela: «En todo o que levo escrito decidín manter a localización das historias ao redor de Ribeira, pero cambiándolle o nome. Primeiro, para escapar desa especie de loita entre se o topónimo é con uve ou con be; e, segundo, polo feito de que a xente da zona podería identificarse con algúns personaxes, pois pola condición do ser humano sempre se poden establecer similitudes». Neste sentido, asegura que os protagonistas das súas historias nada teñen que ver coa zona: «Tódolos meus relatos van estar referidos á zona, porque é un territorio do que son e que me encanta, pero trátase de historias que poderían suceder en calquera vila, que son universais».

Preto da catarse

Lonxe de inspirarse en Barbanza e nas súas xentes, Fidel Vidal colleu como punto de partida dos seus libros as experiencias vividas como psiquiatra: «Estiven moitos anos escoitando historias tremendas, feitos e sentimentos que se vomitan e que en ocasións parecen pesadelos. Para min escribir é unha especie de catarse, pois inspírome en sucesos que fun acumulando e que fun recibindo con moita emoción». O escritor pretende, sacando á luz todas estas vivencias, renderlle de algún xeito tributo aos pacientes que recorreron á súa axuda: «É unha homenaxe a estas persoas que padeceron tanto en silencio, que se viron involucradas en guerras íntimas».

No proceso de converter as súas notas nunha novela, o ribeirense asegura que case non se atopou con atranco ningún: «O que máis me custou foi darlle forma ao libro, engarzar a historia nunha estrutura que se da en chamar novela, aínda que hoxe este xénero acepta propostas moi distintas. O complicado foi darlle un percorrido, un comezo e un fin, aínda que, neste caso, a novela remata como empeza, cunha chamada que dá conta dun accidente».

Rematado o proceso e co exemplar impreso entre as mans, Vidal tivo claro desde o primeiro momento que a súa Ribeira natal, elixida tamén como escenario para a trama, era o lugar axeitado para a presentación: «Sempre me gustou estrear aquí os libros. Trouxen Un asasino felizmente casado e, xa antes, tamén no Ateneo Valle-Inclán, presentara un ensaio sobre a esquizofrenia».

E o escritor asegura que, se as súas previsións non fallan e a sorte editorial o acompaña de novo, non tardará en regresar cun novo volume: «Estou xa co proceso de revisión de outra novela, un caso clínico desde o punto de vista dunha enfermidade mental, na que se denuncian os problemas que pode haber na familia e na sociedade de rexeitamento, de repulsa a estas persoas que padecen unha enfermidade. É unha forma tamén de falar da hipocrisía que pode existir na sociedade». Xa ten elixido o título, unha carta de presentación que, cando menos, chama a atención: Prohibido aforcarse no cuarto de mamá.

A presentación. A estrea de Os coros da novena terá lugar mañá, ás 20.30 horas, no Ateneo Valle-Inclán de Ribeira.

Os participantes. Fidel Vidal estará arroupado por Miguel Anxo Fernán Vello, Antonio Piñeiro, Antón Riveiro Coello e o alcalde, Manuel Ruiz.