O Liceo noiés volve a impulsar as letras

La Voz

BARBANZA

CEDIDA

Convocou unha nova edición do seu certame de relatos, a décimo quinta, que está dotado cun premio de mil euros

11 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Un ano máis, e van xa 15, o Liceo de Noia quere achegar o seu grao de area á promoción da lingua galega na escrita. Con ese obxectivo, vén de convocar unha nova edición do seu concurso de relatos, que está dotado cun premio único de mil euros. Aquelas plumas que estean interesadas en concorrer ao certame deben ter en conta unha data, o vindeiro 1 de abril, que é o día límite para facer chegar os traballos á sede da sociedade.

Polo demais, as bases recollen os mesmos puntos que en pasadas edicións. Así, os participantes teñen liberdade á hora de elixir o tema, sendo o único requisito empregar a lingua galega á hora de escribir o relato. A extensión deste debe estar entre os tres e os seis folios. O xurado, que estará integrado por persoas vinculadas ao eido da literatura galega, dará a coñecer o seu fallo o 17 de maio, co gallo da celebración do Día das Letras Galegas.

O presidente do Liceo de Noia, Óscar Prego, explicou que o obxectivo deste certame non é outro que impulsar o eido das letras: «Promover a lingua e a cultura galegas, animando aos escritores e aos afeccionados a que aumenten a produción literaria en galego». El confía en que a convocatoria teña, cando menos, a mesma aceptación do ano pasado, cando ata a sede da entidade chegaron 45 relatos. O premio foi para Xosé Sobral Amoedo, de Redondela.

Nova «Alameda»

E tamén ten como finalidade a promoción do galego na escrita a revista Alameda que, de forma semestral, ve a luz en Noia da man do Liceo. O venres, ás 20.30 horas, terá lugar a presentación dun novo número, que estará dedicado ao 850 aniversario da fundación da vila. «Trátase dun conxunto de artigos e de colaboracións vinculados con este tema, unha das contribucións que queremos facer a esta efeméride tan importante», destacou Prego.