Siso Pérez: «Sempre o demos todo»

S. GÓMEZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

O dirixente valora de forma positiva o papel realizado na liga e aposta por un futuro longo para a entidade

11 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Atribúeselle a Winston Churchill a frase más icónica sobre o rugbi: «É un deporte de bárbaros xogado por cabaleiros». Na bisbarra é Siso Pérez (Boiro, 1976) quen preside o único conxunto da zona que o practica, o Barbanza Rugby Club. A pasada semana rematou a tempada, a segunda logo da súa resurrección.

-¿Como valora o curso?

-Rematamos contentísimos. Traballamos moito, e con humildade, iso é o fundamental. Levamos ano e medio de vida e fai falta moito esforzo, xa que aínda nos queda para ter unha estrutura sólida. A pesar das lesións de xogadores moi importantes, e de que moita xente faltou por cuestións laborais, demos o callo. Acadamos seis vitorias e catro bonus ofensivos. Iso demostra que sempre o demos todo.

-Comezaron como un foguete, parecía que ían a polo ascenso.

-Non pensabamos comezar así, arrancamos vento en popa, pero as lesións fixeron dano, tivemos mala sorte. Houbo partidos nos que contábamos con 19 xogadores e ao final íamos xustos. Moitos xogadores tiveron que variar as posicións e, aínda que cumpran, están fora do seu posto natural. Aínda así, estamos orgullosos do que fixemos.

-¿Pensan en sumar máis xente?

-Contamos coa xente que temos, con que se recuperen os mancados e con que volvan outros que marcharon por motivos laborais. Este ano tiñamos 29 fichas e aínda así houbo problemas. Precisamos ser moitos, como se chegamos aos 50 -sorí-. Calquera será benvido.

-O seguinte paso é a Copa Xunta.

-Imaxinamos que se xogará na modalidade seven. Non estamos acostumados, moitos non o practicaron nunca, por iso adestramos bastante agora. Non temos expectativas, só ilusión e gañas de coller experiencia.

-¿Cree que están conseguindo que aumente a fama do rugbi na comarca?

-Considero que si. Somos dos equipos que máis afección temos nos encontros. Hai campos, incluso de primeira división de honra, que non teñen nin a cuarta parte. É un deporte que gusta. O afeccionado pregunta, quere coñecer as normas. Ven como un equipo trata ao outro, ao árbitro... Non somos santiños, pero é algo diferente. Nunca verás a nove persoas protestarlle a un árbitro.

-¿Como se atopa a base?

-Fixemos un convenio cos Ingleses de Vilagarcía. Contamos coa súa axuda para que os rapaces que adestran aquí poidan competir. Os sub-14 xa están xogando a liga con eles.

-¿Obxectivo para o vindeiro ano?

-Como mínimo, o de este. Visto como se implican os xogadores, e como se adestra, intentaremos chegar á fase de ascenso.

-Logo de pasar anos na sombra, ¿ten o Barbanza perigo de volver a desaparecer?

-Sen traballo non hai nada, pero cando se parou foi porque non tivemos o apoio de ninguén. Agora está o Concello de Rianxo, que nos axuda en todo, ao igual que os patrocinadores. Traballando xuntos, ninguén ten que facer florituras. Iso si, o diñeiro nunca chega. Cada xogador paga 250 euros da súa ficha.