Antía Alberte: «Non podes evitar que alguén che acose, pero si que iso che afecte»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Está convencida de que falar do tema é a mellor cura para os que se senten perseguidos

10 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Se hai un problema que lle afecta de xeito dramático aos escolares de hoxe en día ese é o acoso. Son moitos os que o sofren, a maioría en silencio, vendo reducidas as súas capacidades para os estudos e para relacionarse cos demais. Algúns fúndense, pero hai quen consegue erguerse con forza, animándose incluso a sacarlle partido á mala experiencia vivida para axudar aos demais. Na Facultade de Dereito de Ourense, un grupo de alumnos que sufriron en carne propia esa persecución constante, fundaron hai uns anos o grupo Caso Acoso, ao que a palmeirense Antía Alberte Maneiro se uniu no 2017. Tamén ela ten un capítulo negro na súa historia ao que lle quere sacar un partido positivo.

O obxectivo principal é acudir ás escolas para poñer enriba da mesa o dereito á vida que recolle a Constitución e tamén os prexuízos, tanto físicos coma psicolóxicos, que provocan aqueles que acosan. Do que se trata é de animar aos que estean sufrindo en silencio a contar a súa historia: «O habitual é poñer exemplos de casos de acoso físico e de casos de acoso psicolóxico, xa que queremos incidir no feito de que non ten por que existir violencia. Logo, contamos a nosa experiencia e deixamos que os estudantes que o desexen narren a súa ou algunha que coñezan de preto. Houbo xente que confesou que o estaba pasando mal».

Aínda que soe ser nos primeiros anos da Educación Secundaria Obrigatoria cando saen á luz ese casos de acoso escolar, Antía Alberte sostén que en moitas ocasións o problema xorde antes e hai que tratalo nas aulas. Neste sentido, comenta que entre quinto e sexto de Educación Primaria sería ideal traballar o tema cos nenos. Argumenta que, a vantaxe coa que contan ela e os seus compañeiros de grupo é a de ter sido vítimas: «Penso que te amosas humano, porque non só vas cunha información, senón cunha experiencia. Os nenos conectan máis con nós».

Unha loita constante

Ela, que sufriu acoso e que ten escoitado moitas historias similares á súa, segue a ver tremendamente complicado poñerlle fin ao problema: «A min na casa dicíanme que os ignorara, pero penso que non servía de nada. Eu propóñolles aos mozos que pidan o que precisen, ben sexa unha aperta ou ben sexa falar do tema. Non podes evitar que alguén che acose, pero si que iso che afecte. Por iso insisto en que sexan sinceros, que se quiten esa espiña. Eu non o fixen, eu enfadábame e encerrábame e iso desembocou que con 20 anos acabara chorando o que non chorei con 13 ou 14». Antía Alberte lembra que esta é unha loita constante: «Ti non queres chamar a atención, queres ir á escola e estar alí coma un máis. A obsesión é pensar que podo facer hoxe para ninguén se meta comigo».

No caso desta moza de Palmeira, o motivo que espertaba a ira era, fundamentalmente, o seu pelo rizado: «Supoño que o caso é saír do molde, ter algo diferente». Sinala que ela nunca se abriu á xente do seu entorno. De feito, pouco despois de unirse ao grupo Caso Acoso foi protagonista dun vídeo en Youtube que tivo unha gran repercusión e, a partir de aí, amigos e compañeiros da infancia achegáronse a ela para desculparse, pois non foran quen de detectar o mal que o estaba pasando: «A min iso xa me chega. Se iso serve para que estas persoas eduquen aos seus fillos para que non acosen, eu xa terei a miña recompensa».

Antía Alberte non tivo axuda, pero tampouco a pediu, quizais por iso insiste na importancia de que os acosados falen: «Eu pídolles que o conten, porque penso que é a mellor cura. O que observo é que despois de contar eu a miña historia, hai mozos que acoden a min a narrarme a súa experiencia e non o fixeran cos mestres. Igual lles resulta máis doado porque non me coñecen».

Ela e os seus compañeiros de Caso Acoso ansían estender o seu campo de traballo. De feito, o colectivo forma parte desde hai pouco tempo dunha asociación, Lexdes, o que lle permite obter ingresos por desprazamentos e dietas cos que quere ir tecendo unha rede cada vez máis ampla. «Gustaríame traer este proxecto a Ribeira, por suposto», asegura a palmeirense. Mentres iso non ocorra, aqueles que o desexen poden contactar con este colectivo para contar a súa historia ou pedir axudar a través da súa páxina de Facebook.