María Teresa Sobradelo: As mans que obran a arte do bou

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Aprendeu a elaborar o singular aparello e agora transmite os seus coñecementos

09 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai afeccións e traballos que se elixen, mentres que outros veñen dados polas circunstancias que rodean a cadaquén. No caso de María Teresa Sobradelo, as ansias por ocupar o tempo libre e a necesidade de sacarlle proveito ao día a día desembocaron nunha actividade que era unha necesidade nunha familia de mariñeiros coma a súa. Empezou atando as redes que, co paso do tempo e os atrancos propios dunha dura xornada de pesca, se lle rompían ao seu marido, xa falecido, e tamén ao seu fillo e aos seus sobriños, para rematar confeccionando o singular aparello que se emprega no bou de vara. Chegar a elaborar esta obra de arte mariñeira non foi un proceso nada sinxelo.

Marité, como é coñecida polos seus veciños de Rianxo, empezou por pura necesidade a manexar a gran agulla que se emprega para coser as redes: «O meu marido era mariñeiro, pero non sabía atar, polo que decidín aprender eu. A miña sogra deume unhas pautas e logo fun probando eu na casa. Son unha muller moi activa e non me gusta aburrirme». Tanto é así que, durante un tempo, compaxinou esta tarefa coa de concelleira do BNG, cargo que desempeñou ao longo de oito anos, catro na oposición e outros tantos no goberno, e que tivo que deixar no 2015, para dedicarse ao coidado dos seus pais.

Aínda que segue encargándose dos seus proxenitores dependentes, Maite Sobradelo decidiu compartir a sabedoría e a experiencia con outras persoas e, da man do colectivo Ondiñas Mainas, imparte clases no Liceo Marítimo: «Por unha banda, necesito desconectar da rutina que supón o coidado de dúas persoas maiores, e por outra, non quero que se perda o que sei. Hai mariñeiros de Rianxo que levan as redes a reparar a Cambados porque non teñen quen o faga aquí. Penso que é unha mágoa, por iso aceptei encantada a proposta que me fixo Pepa Martínez». A ela gustaríalle contribuír de algún xeito a evitar que se perda o oficio tradicional das redeiras: «Considero que estas profesionais son unha peza fundamental no mundo do mar e así o comprobei en carne propia. Teño estado con tres homes esperando por min e con catro bous pendentes de arranxar para que puideran saír a pescar».

Un proceso complexo

Arranxar un destes aparellos de pesca non é tarefa doada, pero darlle forma a un desde cero é para algúns case imposible: «É coma se fose unha bolsa partida á metade por un ferro, onde se suxeita o cabo, que continúa polo que serían as asas, que neste caso se chaman brazos ou pernas». Armar esta estrutura é o primeiro paso, e Marité Sobradelo recoñece que se trata dun proceso complexo: «Moito teño rompido a cabeza na casa facendo e desfacendo». Pero o peor vén despois, cando chega a proba definitiva: «Hai que conseguir que o aparello vaia para o fondo e que sexa efectivo, é dicir, que os mariñeiros consigan pescar». Zamburiñas, chopos, linguados, nécoras, centolas e vieiras son algunhas das especies que teñen que quedar atrapadas no interior destes artefactos.

Cos seus alumnos, empezou polo principio, por conseguir que se familiaricen cos materiais: «As redes son coma as teas, teñen un sentido e hai que saber cal é. Tamén é fundamental aprender a cortalas». No futuro, se os alumnos son aplicados e demostran interese, a súa intención é amosarlles o proceso de elaboración do bou: «Penso que non hai moitas persoas que saiban facelo, porque eu asistín a varios cursos con redeiras e en ningún deles me ensinaron».

Marité Sobradelo está disposta a transmitir os seus coñecementos para que en tódalas familias mariñeiras de Rianxo haxa unha persoa capacitada para reparar redes e, se quere dar o paso, darlle forma aos aparellos.