Rodríguez presumiu de aforro enerxético en Outes

sande MUROS / LA VOZ

BARBANZA

sande

O conselleiro de Educación visitou o colexio de primaria, onde se levaron a cabo varias melloras

06 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, elixiu o CEIP

Plurilingüe de Outes para conmemorar o Día da Eficiencia Enerxética que se celebraba onte. O centro educativo de A Serra foi obxecto dunha rehabilitación integral, que permitiu mellorar a funcionalidade do inmoble cun investimento superior ao medio millón de euros. As reformas realizadas no CEIP de Outes foron inspeccionadas polo representante autonómico, que valorou positivamente os resultados.

Rodríguez sinalou que «a Consellería de Educación ven de investir máis de 22 millóns de euros nos derradeiros tres anos para mellorar a eficiencia enerxética en 49 centros escolares de toda Galicia. Remozar edificacións escolares, acadar un maior aforro enerxético nas mesmas e dar opcións laborais aos novos arquitectos, foron os tres eixos nos que se centraron estes investimentos», apuntou.

Ao acto asistiu tamén o secretario xeral da consellería, Jesús Oitavén, os directivos do colexio de A Serra e a alcaldesa de Outes, Beatriz Molinos, quen amosou a súa satisfacción por conseguir que o colexio outiense fora un dos elixidos para formar parte deste programa da Xunta.

Interese polos alumnos

O conselleiro, xunto coa comitiva que o acompañaba, visitou algunhas dependencias e aulas do colexio de A Silva, onde conversou con varios alumnos e profesorado, e interesouse polas inquedanzas que lle comentaron.

Tamén foi receptivo ante as melloras que lle suxeriron desde a dirección, para concluír dicindo: «Cónstame que neste centro se levan a cabo proxectos educativos de interese, destacando a integración de dúas liñas estratéxicas impulsadas pola consellería, como son o plurilingüismo, coa ampliación este ano á etapa de infantil, e a participación nos contratos-programa coas liñas PROA de reforzo, orientación e apoio fóra do horario lectivo».