Dolores Fernández Tilve: «A sociedade non pode instalarse no paradoxo moral cos refuxiados»

Tamara Montero
Tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

BARBANZA

ALBERTO LÓPEZ

Dous docentes da USC coordinaron un monográfico sobre políticas migratorias

06 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Froito das achegas científicas do primeiro Congreso Internacional sobre Migración e Refuxio no Continente Europeo que se celebrou no Campus Terra (Lugo) no 2016 naceu o monográfico Migración e refuxio en Europa, un compendio de artigos que se publicaron na Revista Lusófona de Educação. Dolores Fernández Tilve, xunto con Gonzalo Francisco Fernández Suárez, ambos profesores da USC, foron os editores convidados deste monográfico.

-Procuran ofrecer propostas máis acaídas coas necesidades actuais en políticas migratorias.

-O congreso internacional serviu para analizar a situación actual do migrante e do refuxiado en Europa dada a presenza de riscos socioeducativos emerxentes como consecuencias das recesións económicas e crises humanitarias e ambientais que estamos vivindo. No seu momento quixemos dar visibilidade e voz a eses miles de refuxiados e emigrantes que se atopan nunha situación de exclusión social, e poñer de manifesto a necesidade de sensibilizar sobre a formación para a prevención e atención axeitada destes colectivos vulnerables. Con este monográfico damos un paso máis firme e comprometémonos coa transferencia de coñecemento aos profesionais que traballan con estes colectivos. É dicir, ofrecer un material para servir de axuda á creación de protocolos específicos no ámbito escolar e social.

-¿Actualmente non existen?

-O que estamos vendo é que os profesionais que traballan con eses colectivos vulnerables non teñen esas ferramentas nin eses protocolos para poder atendelos de maneira axeitada.

-Dentro desa exclusión xeral das persoas migrantes e refuxiadas, o dos menores será un colectivo especialmente vulnerable.

-Efectivamente. Organismos internacionais como Unicef están denunciando que temos millóns de menores nunha situación de máxima vulnerabilidade e que non se respecta o seu dereito á educación nin se lles está ofrecendo unha vida digna. Non podemos abandonalos á súa sorte. Esta sensibilidade creo que deberá transmitirse á sociedade. A sociedade non pode instalarse no paradoxo moral cos refuxiados e vulnerar o recoñecemento de dereitos a estas persoas, particularmente aos menores. Os recentes datos sobre desprazados forzosos deixan ver como o continente europeo está amosando unha certa actitude de indiferenza. Isto é un espello da existencia de fronteiras morais que acaban excluíndo a estes migrantes e refuxiados do noso espazo moral.

-Logo hai historias atroces como as de Oxfam ou a das refuxiadas sirias obrigadas a intercambiar sexo por pan.

-Si. Temos que dar exemplo os que estamos preocupándonos por atender estes colectivos. Temos que ofrecer unhas condutas exemplares, porque esas condutas inadecuadas xeran desconfianza cara ás persoas que queren axudar. Nun dos oito artigos que compoñen este monográfico abordamos o caso das mulleres refuxiadas, que tamén é un colectivo exposto a unha maior vulnerabilidade. Neste traballo intentamos ofrecer vías e recursos tecnolóxicos para que poidan construír proxectos sociais e profesionais con maior éxito, obviamente superadas esas dificultades iniciais á chegada.

-¿Cales deberan ser os primeiros pasos deses protocolos?

-O primeiro de todo é non vulnerar o dereito ao asilo, que está recollido no ordenamento español, e sobre o que hai un artigo no monográfico. Despois hai que atender as necesidades de primeira orde: alimentación, abrigo, saúde mental e física. E logo, axudar a debuxar o proxecto de vida e incluílos na sociedade.

O proxecto. O monográfico «Migración e refuxio en Europa» propón ferramentas para axudar a integrar a este colectivo.

Os antecedentes. O monográfico saíu do congreso sobre migración que se celebrou no 2016 no Campus Terra.