O poeta Añón anima a seguir os seus pasos

La Voz

BARBANZA

SANDE

O certame ideado polo Concello de Outes acada a súa vixésimo segunda edición con 2.300 euros en premios

28 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Maio, o mes das letras por excelencia, aínda queda lonxe, pero desde diversos recunchos de Barbanza xa se empeza a chamar aos afeccionados á literatura a coller a pluma e deixar voar a imaxinación. Un deles é Outes, onde o Concello vén de facer pública a convocatoria dunha nova edición do certame de poesía Francisco Añón, unha iniciativa que cumpre nada menos que 22 anos de historia. Os principais detalles a ter en conta son unha data, o 3 de abril, que será cando conclúa o prazo para a presentación dos traballos na casa de cultura, e unha contía económica, 2.310 euros, a dotación coa que conta nesta ocasión o concurso.

Un ano máis, o Concello de Outes busca fomentar a participación neste certame de persoas de tódalas idades. Por iso, nas bases establécense seis categorías que abranguen desde nenos de 6 anos ata adultos a partir dos 18. En cada unha delas concederase un premio económico, que para os nenos chegará en forma de vale para a compra de libros, que oscila entre os 120 e os 1.200 euros. Tamén se publicarán todas as obras galardoadas, así como un segundo texto por cada sección.

Aqueles que desexen presentar unha obra a este certame poden consultar as bases na páxina web do Concello de Outes. Como requisitos fundamentais aparecen que os textos teñen que estar escritos en galego e seren inéditos.

O fallo, en maio

A convocatoria deste concurso é o acto principal co que o Concello de Outes se suma á conmemoración do Día das Letras Galegas. De feito, a decisión do xurado darase a coñecer o mesmo 17 de maio. Nese acto procederase á entrega dos galardóns e presentaranse os libros correspondentes á vixésimo primeira edición do Francisco Añón: unha compilación e unha separata coa obra gañadora da categoría dirixida aos maiores de 18 anos, que resultou ser Asombrario, de Ana Belén Varela Miño.