Rosalía de Castro revive a través dos seus versos

La Voz

BARBANZA

MARCOS CREO

A homenaxe á escritora arrancou onte nos centros escolares e segue hoxe en media ducia de localidades

24 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Alumnos de diversos centros educativos de Barbanza rendéronlle onte homenaxe a Rosalía de Castro. Os pobrenses puxéronlle voz aos seus versos e os muradáns elaboraron pergamiños con poemas que foron repartidos entre os veciños xunto cunha rosa. Hoxe, cando se cumpren 181 anos do seu nacemento, a comarca reivindicará que o 24 de febreiro lle sexa dedicado á escritora do Sar con lecturas de textos, música e teatro.

Ribeira emprega a voz

Hoxe • Praza do Concello • 13.30 horas • Os ribeirenses que desexen sumarse á homenaxe a Rosalía de Castro poden sumarse á lectura de poemas que se levará a cabo na Praza do Concello. Haberá un exemplar de Cantares gallegos a disposición dos interesados en ler, que tamén poden acudir cos seus textos.

Música e teatro en Boiro

Hoxe • Centro social de Boiro • 20.00 horas • Teatro do Improvisto abrirá en Boiro os actos na honra de Rosalía, que continuarán cunha lectura musicada de poemas. A banda e a escola de música locais poñerán o peche.

Ofrenda na Pobra

Hoxe • Praza Rosalía de Castro (A Pobra) • 19.00 horas • O grupo Arrancadeira animará a ofrenda floral que se desenvolverá na Pobra. Será xusto antes de que comece o espectáculo Rosalía unha vida, no cine Elma.

Poemas co BNG

Hoxe • Auditorio da Pobra • 12.00 horas • O BNG barbancés tamén lle renderá tributo á escritora cunha lectura de poemas.

Monicreques en Lousame

Hoxe • Casa de cultura de Lousame • 12.00 horas • A compañía Larraitz recala cos seus monicreques en Lousame para narrar a historia da escritora homenaxeada a través do espectáculo A viaxe de Rosalía, ideado e dirixido por Lucho Penabade.

Bolos de Mazaricos

Hoxe • Casa Museo de Rosalía de Castro (Padrón) • 19.30 horas • As veciñas de Mazaricos Laura Prado, Esther Muíño e María García Tuñas desprázanse ata Padrón para elaborar os tradicionais bolos do pote. Este manxar servirase como acompañamento do caldo de gloria que o mestre dos fogóns Pepe Solla preparará na honra de Rosalía.