Pablo Sande: «En Cáritas non se pregunta polas crenzas, só pola disposición a axudar»

Asegura que segue habendo moitas necesidades e fai falla colaboración cidadá


muros / corresponsal

Despois de rematar a súa actividade profesional, transcorrida a maior parte do tempo na emigración, o muradán Pablo Sande García pensou que xa era hora de dedicarse aos demais. Por iso, non dubidou en inscribirse na agrupación local de Cáritas e, ao renovarse a executiva da entidade, foi proposto como presidente. «Esa non era a miña intención, quería colaborar dende o anonimato, e ademais coido que hai xente moito máis preparada ca min para ese posto. Non me deron opción, e dende xa fai un ano dinme que eu son o presidente, aínda que en verdade son un membro máis dunha agrupación na que pretendemos dedicar o noso tempo libre a axudar aos que o precisan», recoñece antes de atribuírlle o mérito ao cura: «O verdadeiro responsable e o que se dedica enteiramente á causa é o noso párroco Daniel Pérez».

Cáritas de Muros está estruturada en catro seccións: banco de alimentos, roupeiro, asistencia social e atención psicolóxica. En cada unha destas unidades existe un grupo de xente que se preocupa de coñecer e de buscar a solución aos problemas que se detectan na zona, ou a aqueles que xorden ante as peticións directas que lle fan á entidade os veciños necesitados. Aínda que a maior demanda de auxilio se produce no tocante á alimentación e á vestimenta, tamén existen peticións de axuda relacionadas con cuestións psicolóxicas, de orientación e de outros servizos asistenciais. Puntualmente, tamén se atenden demandas de pago de alugueiros, para evitar cortes nos servizos, e mesmo para desprazamentos a centros hospitalarios ou outros, sen esquecer a formación, como ocorreu co curso de cociña que se impartiu nas últimas semanas.

Traballo desinteresado

A práctica relixiosa levou a Pablo Sande a integrarse en Cáritas, aínda que recoñece que unha cousa son as crenzas de cada un, e outra a disposición para axudar aos que máis o precisan, dedicándolles un pouco do tempo libre ou axudando a dispensar os medios precisos aos que demandan axuda. «Eu son un seguidor da relixión católica, e nela xa se predica a fraternidade e a axuda aos demais, pero en Cáritas non se pregunta polas crenzas, só pola disposición a axudar aos que o precisan. Polo que vexo, somos un grupo homoxéneo, todos vimos aquí sen buscar nada, ninguén percibe salario, e o que nos move a todos é colaborar para que os nosos veciños non pasen falta, a lo menos, do máis elemental para subsistir», relata o presidente da entidade muradá.

A demanda de auxilio a Cáritas é irregular ao longo do ano no municipio, aínda que en outono e en inverno son máis as persoas que precisan atención. «Quizais nas outras etapas do ano haxa máis traballo e recursos. Aínda así, son demasiadas as persoas que precisan de Cáritas para subsistir no noso municipio. Tamén sorprende que os demandantes de auxilio acudan primeiro a nós e non aos servizos públicos. Tal vez a certeza de que procuramos sempre dispor do máis elemental para que ninguén pase fame ou poida abrigarse, e tamén de saber que ninguén se irá sen o esencial para comer, lles faga acudir a nós», recoñece Pablo Sande. El fai fincapé na colaboración dos cidadáns: «A disposición da poboación para axudar é moi meritoria, e ponse de relevo especialmente nas campañas que se fan nos supermercados para xuntar comida».

A parroquia, Cáritas Diocesana, achegas individuais e tamén as contías que se acadan en concursos e probas deportivas constitúen os fondos dos que dispón a asociación muradá. «Con esas axudas tentamos paliar as carencias das familias necesitadas. Todo o que se recibe é moi meritorio e todos temos que ser conscientes de que calquera pode chegar a precisar dos demais. Por iso, en nome de Cáritas de Muros, quero agradecer a tódolos que nos axudan e recordar que aínda hai moitas necesidades no pobo que puideran atenderse se fóramos un pouquiño más solidarios», conclúe dicindo Pablo Sande García.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

Pablo Sande: «En Cáritas non se pregunta polas crenzas, só pola disposición a axudar»