Barbanza rende tributo a Rosalía de Castro

BARBANZA

MARCOS CREO

Varios concellos da comarca festexan o día dedicado á poetisa de Padrón con recitais, ofrendas florais e concertos

20 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O sábado cumpriranse 181 anos desde que naceu en Padrón a escritora máis importante das letras galegas: Rosalía de Castro. Por este motivo, cada 24 de febreiro, os concellos da comarca aproveitan para homenaxear e recordar algunha das súas obras, e este ano non será distinto, xa que municipios como A Pobra, Rianxo, Porto do Son ou Boiro preparan un completo programa de actividades.

A Pobra

Colaboración coa comunidade educativa. Un ano máis, o Concello pobrense contará co apoio dos colexios Salustiano Rey Eiras e Pilar Maestú para render tributo a Rosalía de Castro. Así, está previsto que este venres, a partir do mediodía, un grupo de rapaces dos dous centros reciten varias poesías da escritora de Padrón. O acto terá lugar na praza que leva o seu nome, e será precisamente onde o sábado, ás 19.00 horas, se leve a cabo unha ofrenda floral que contará coa participación dos membros da agrupación de música e baile tradicional Arrancadeira. Como colofón a este programa de actividades -ás oito da tarde, no teatro Elma- presentarase o espectáculo escénico-musical Rosalía, unha vida, no que se contará coa interpretación de María Torres e José M. Rizón, que estarán acompañados de Alicia Núñez ao piano e Ioana Pérez ao violín.

Rianxo

Contos e poesías para o apego. Achegar aos máis pequenos ao mundo da poesía e da narración oral dun xeito lúdico é un dos obxectivos que persegue o espectáculo Contando con Rosalía, que promoven o Servizo de Normalización Lingüística e a biblioteca municipal de Rianxo coincidido co día dedicado á escritora padronesa. A actriz, ilustradora e narradora Marisa Irimia será a encargada de presentar a iniciativa, na que se combinan rimas, poesías e contos coa intención de que os nenos rianxeiros descubran a obra desta figura senlleira da cultura e da literatura galegas. Está previsto que o espectáculo comece ás 17.30 horas do venres na biblioteca, e vai dirixido a pequenos de 4 a 11 anos de idade. Para participar, hai que anotarse previamente no número de teléfono 881 988 891, ou na dirección de correo normalizacion@concelloderianxo.gal.

Boiro

Música e poesía. Tamén o Concello boirense festexará por todo o alto o Día de Rosalía de Castro, cun programa que terá como escenario o centro social. Será alí onde, ás oito da tarde, a compañía Teatro do Improvisto poña en escena unha obra inspirada na escritora de Padrón. A continuación, haberá una interpretación de varias pezas e poemas a cargo da Escola Municipal de Boiro, cuxos integrantes tamén actuarán xunto coa Banda de Música.

Porto do son

Representación. A viaxe de Rosalía é o título do espectáculo da compañía Larraitz Producións que o próximo luns, ás 11.00 horas, se presentará na casa de cultura sonense, e que vai dirixido aos escolares do municipio.