Juan José Dieste: «É moi difícil gobernar cando tes que pagar débedas e obras de atrás»

Ana Lorenzo Fernández
Ana Lorenzo RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Marcos Creo

Cualifica de «moi boa» a súa xestión nos dous mandatos e confía en poder acadar os obxectivos marcados ata o 2019

18 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Desde neno xa lle gustaba a política e, mentres os seus amigos xogaban, el miraba os telexornais para saber o que pasaba no mundo. A este interese pola actualidade se sumou máis tarde a súa traxectoria profesional na empresa, na que incorporou novas experiencias de xestión e eficiencia. Juan José Dieste cre que toda esta bagaxe lle serviu para poder superar con boa nota a situación coa que se atopou ao chegar ao Concello de Boiro hai xa case sete anos.

-Falta pouco máis dun ano para as eleccións municipais, ¿que balance fai deste mandato?

-Un balance evidentemente positivo á vista das limitacións legais e orzamentarias condicionadas polo Goberno central, que son moi estritas, excesivamente duras, e ás veces incluso inxustas cos concellos. Cando chegamos ao Concello de Boiro partimos dunha situación gravísima, de ruína e de quebra, con preto de 22 millóns de débeda, onde 12,5 eran a bancos e nove a provedores. Nestes momentos, a débeda cos provedores está totalmente saldada e a bancaria está en case sete millóns. Eu penso que foi unha xestión boa desde o punto de vista económico.

-¿Esta herdanza pesou moito á hora de gobernar?

-É moi difícil gobernar cando tes que pagar débedas e obras de atrás, e ao mesmo tempo seguir mantendo os gastos de funcionamento dun Concello, e tamén ir facendo novos proxectos e investimentos, como se fixeron. Fomos capaces de facer grandes inversións, modernizar o pobo e actualizar as instalacións, ademais de chegar a todos os núcleos rurais con novos abastecementos, como foi o caso de Bealo, aínda que outros din que o fixeron eles e fomos nós. En case tres anos temos practicamente cumprido o noso programa electoral.

-Poucos poden dicir o mesmo.

-Este goberno sempre se caracterizou por unha alta execución do orzamento, que acada o 95 %, o que quere dicir que se están xestionando ben os recursos e dándolle servizos aos veciños. Ademais, autoimpuxémonos uns deberes: sanear, manter e modernizar sen aumentar os impostos. Levamos oito anos nos que Boiro non ten subidas de impostos, si ben tamén hai que dicir que aumentaron os valores catastrais. O goberno que incrementa impostos non é un bo goberno, o primeiro que ten que facer un executivo é xestionar o gasto, ser eficaz. Ese foi o noso obxectivo, facer obras coa máxima calidade e cos menos cartos posibles. Iso se traduciu en que levamos catro años seguidos cun remanente que non baixa dos dous millóns de euros. Neste ano cumprimos a regra de gasto e o remanente positivo de tesourería pode andar nos tres millóns de euros. Agora dependemos de Montoro para ver o que nos deixa utilizar para inversión.

-En varias ocasións criticou a Montoro, ¿cre que entorpece o labor dos concellos?

-Si, porque parte do persoal dos concellos ten que dedicar medio ano de traballo á documentación que hai que presentar a dous ou tres organismos, e iso cando temos unha grave situación de limitación de profesionais. Nestes momentos, os alcaldes estamos desamparados. Eu teño un secretario e un interventor accidentais, carezo de persoal habilitado para contratación, xubílasenos un arquitecto. Os alcaldes estamos facendo unha obra de valentía, porque estase lexislando desde as altas instancias cun descoñecemento total da realidade local, sen planificación e sen estratexia. Asígnannos competencias, pero non recursos.

«O noso proxecto para a residencia de maiores vai ser unha referencia en toda España»

Juan José Dieste é un experto no manexo dos números, unha virtude que traslada á política e xa fai plans para acabar este mandato con varios dos seus proxectos estrelas en marcha.

-¿Que lle queda por facer?

-O proxecto do novo club de remo, que deberíamos ter rematado este ano, pero a burocracia é o que é. A rehabilitación de Goiáns é un tema importantísimo, ao que lle estivemos dando moitas voltas e recorrendo a varias vías, aínda que hai xente non o crea. Tamén conseguimos os pantaláns para Cabo, o saneamento do río Breiro, acondicionar o estuario do río Coroño. Eu sempre digo que a miña experiencia empresarial axudoume a sacar adiante a este Concello de maneira relativamente rápida.

-¿E a tan reclamada residencia?

-Levamos pelexando por ela desde o 2013. Tal e como está a Xunta, que recortou as inversións case un 60 %, tiñamos que buscar inversores, e xa os temos. Deseñamos un proxecto e no 2015 presentámosllo a Núñez Feijoo, cunha proposta que é de ámbito supramunicipal, que une a franxa atlántica da Coruña e Pontevedra e que abarca unha poboación de 300.000 habitantes. O noso proxecto de residencia de maiores vai ser un referente en toda España. Vai dar un plus a Galicia porque van participar universidades, haberá atención especializada en xerontoloxía e dependencia, ciclos formativos, hospitalizacións de maiores...

-¿Hai predisposición da Xunta?

-Levamos case cinco anos traballando e loitando por este tema, con moitas reunións coa Xunta. Non é fácil, pero temos un sitio privilexiado. Hai inversores e queremos ter aos nosos maiores preto. Nestes momentos non hai outro proxecto igual, e penso que si a Xunta o apoia sería viable. Pódese facer por fases, primeiro a atención dos maiores e o resto noutras anualidades.

«Teño que seguir porque agora mesmo temos a peor oposición de toda a historia de Boiro»

A pesar dos atrancos para poder xestionar o Concello de Boiro, Dieste non dúbida á hora de adiantar que xa ten previsto presentarse como candidato do PP ás próximas eleccións.

-¿Non dará marcha atrás?

-Non. Eu estou moi contento coa miña xestión, porque na situación tan difícil que estamos atravesando os concellos, nós estámolo facendo ben ou moi ben. Os resultados económicos están aí e as obras, na rúa. Preséntome por dous motivos: o partido necesítao a nivel provincial e comarcal, porque nestes momentos as maiorías absolutas pesan moito, e na comarca só está a de Boiro. En segundo lugar, teño que seguir porque agora mesmo temos a peor oposición da historia de Boiro, a peor formada, a de peor talante democrático e, sobre todo, a que máis bulos e máis insultos emprega en política.

-¿Por que hai tan mala relación coa oposición?

-Porque o que fan non é política, salvo un grupo ao que estou respectando porque fai oposición dura, pero construtiva, leal e educada, que é o BNG. Xa tivemos unha experiencia dun tripartito, que foi moi negativa pola súa mala xestión e pola súa débeda, e a campioa daquela débeda foi a exconcelleira de Economía Dores Torrado. Se a alternativa é que teña que gobernar a peor xestora que tivo Boiro na súa historia, co señor Velo, que leva en política 40 anos e vai cumprir os 80, e co señor Maneiro acompañado do señor Chouza e o BNG, teríamos un goberno a cinco que antes do ano rebentaría.

-¿Teme perder a maioría?

-Sempre se teme perder a maioría, pero penso que o estamos facendo ben, aínda que hai erros e coas limitacións orzamentarias que temos non somos capaces de abarcar todo, pero creo que estamos realizando unha boa xestión, que é admirada desde a Xunta. Preocúpame o futuro de Boiro como cidadán, xa tivemos unha experiencia moi negativa, onde Velo fixo gobernar mal o tripartito e foi un pesadelo, todo eran discusións e todo ía para atrás. Se imos ter ese goberno, onde hai cinco proxectos e cinco grupos que non se poñen de acordo...

-Un bo exemplo desta falta de entendemento vese nos plenos.

-Xa non sei que facer nos plenos. Son unha persoa moi moderada e véxome no medio de xente que me esixe que leve ben os plenos, pero a eles lles interesa levalos ben a base de provocacións, golpes baixos, múltiples insultos, incluso persoais, e meténdose coa miña familia. Vivín algúns duros estando na oposición, ou antes de ser concelleiro, e nunca vin unha oposición coma esta, que non para de mentir nas redes sociais e aos veciños.