Santiago Freire: «Nun goberno de coalición hai que lograr un equilibrio que evite tensións»

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez NOIA / LA VOZ

BARBANZA

Carmela Queijeiro

Están a piques cumprirse dous anos da moción de censura que lle devolveu a alcaldía noiesa ao PP

11 feb 2018 . Actualizado a las 23:48 h.

Na recta final dunha mañá de reunións e pasos apresurados polos corredores da casa consistorial, Santiago Freire (Lousame, 1969) senta un momento no seu despacho para facer balance dos case dous anos que leva á fronte da alcaldía de Noia, unha etapa, polo que di, satisfactoria, pero tamén moi complexa.

-Dicía na súa primeira entrevista como alcalde que o fácil tería ser quedado no Parlamento, ¿o paso do tempo cambiou a perspectiva ou fai que se reafirme?

-A actividade no Parlamento é moito máis relaxada e tranquila que a responsabilidade da alcaldía dun Concello coma o de Noia. Pero tamén é certo que conseguir sacar adiante determinados problemas e lograr investimentos para Noia supón unha satisfacción, un reto e unha motivación. Estou convencido de que esta aposta valeu a pena, está claro que isto leva a renunciar a moito tempo libre e a asumir moitos problemas. Isto require un maior sacrificio, e se o miras dende o punto de vista de levar unha vida máis tranquila, a parlamentaria desde logo é máis cómoda. Pero estou satisfeito e orgulloso de ter tido esta oportunidade e ter a opción de demostrar que a xestión realizada serviu para algo.

-¿Que é o máis difícil do seu papel como alcalde de Noia?

-Hai que buscar manter un equilibrio. Nós somos un goberno de coalición e nestas circunstancias hai que lograr un equilibrio que evite tensións innecesarias. Ás veces resulta complicado. Por outra parte, tes que ser capaz de motivar a todos os concelleiros do equipo de goberno para que tamén exista esa harmonía na convivencia diaria. E despois hai unha serie de conflitos e problemas que se derivan de mandatos anteriores, que veñen de antigo, pero a xente ten a expectativa de que os vas resolver de forma inmediata. Pretenden que o arranxes de inmediato e algún non valora que levamos aquí menos de dous anos e que determinadas cuestións requiren o seu tempo. Cando conxugas todo iso e tes que intentar buscar un oco tamén para a vida familiar, moitas veces non é doado.

-E con todo isto sobre a balanza, ¿repetirá como candidato?

-É unha cuestión que agora non está sobre a mesa. O meu obxectivo neste momento é facer unha boa xestión, intentar que os veciños perciban ese traballo e nos próximos meses, dependendo de cal sexa a situación e de cales sexan as propostas do partido, analizarémolo. Eu creo que para presentarse cunhas certas garantías hai que ter acreditado o traballo e o compromiso, e eu teño un compromiso claro co pobo de Noia. A miña meta é conseguir todos os investimentos que sexa posible e nese sentido vou seguir traballando. A partir de aí xa o analizaremos. Non teño que aferrarme a isto desesperadamente, os veciños terán que valorar no seu momento se a xestión foi axeitada e cos compañeiros de partido decidir cal é a mellor opción.

-Di que os veciños terán que valorar a súa xestión, ¿insiste en que terán tempo de cumprir todo o que levaban no programa?

-Hai unha longa lista de compromisos electorais que están cumpridos, e hai moitas outras inversións que non estaban previstas e que tamén se materializaron porque fomos vendo que existían necesidades ás que era urxente dar resposta. Logo hai outras cuestións sen executar porque dependemos de informes sectoriais e autorizacións doutros organismos que están a frear a súa execución, pero déronse pasos e fixéronse xestións para iniciar e avanzar en todos eses compromisos.

-Hai moitos compromisos, pero quizais pouca acción, porque de proxectos coma os 900.000 euros para a mellora do abastecemento fálase dende hai tempo e aínda non se materializaron.

-Todos os anuncios que se fixeron están fundamentados, non hai ningunha actuación que non se executara, que non estea iniciada ou se deran os pasos para que sexa unha realidade. Politicamente sería moito máis defendible que esa e outras obras estiveran construídas, e espero que antes das eleccións poidan verse xa os resultados.

«Igual resulta máis rendible electoralmente estar en Noia recibindo aos cidadáns»

Non é fácil atopar ao alcalde de Noia no seu despacho. As reunións, as carreiras dun departamento municipal a outro e as viaxes a Santiago na procura de investimentos ocupan boa parte do seu tempo: «Ás veces gustaríame levar as cousas dunha forma máis sosegada, ter máis tempo para falar cos veciños e poder ter máis presenza na rúa, pero o tempo dá para o que dá».

-Salta á vista que é unha persoa moi ocupada, ¿cantos quilómetros fai ao cabo do mes para realizar xestións diante de outras Administracións?

-Moitos, xa fixen unhas cantas viaxes a Madrid. No ministerio, en Costas, estiven cinco veces en reunións de todo tipo, desde a ministra a directores e subdirectores xerais e responsables de distintos departamentos. Á Coruña iría 70 ou 80 veces, e a Santiago 300 polo menos. Á Xunta vou tres ou catro veces cada semana. Quizais o que perciben os veciños é que non estou no concello o tempo suficiente, pero esas visitas son para desbloquear proxectos e actuacións importantes. Igual é máis rendible electoralmente estar en Noia recibindo aos cidadáns e resolvendo pequenas cuestións, pero se non aproveitamos o tempo para conseguir investimentos acabaremos lamentándonos.

-Ao fío disto, un reproche que se lle ten feito en distintas ocasións, coa lei de acuicultura e hai uns días nunha protesta polas pensións, é que botan en falta que o alcalde se poña do lado dos veciños, aínda que vaia en contra do seu partido...

-Se o alcalde fai xestións ante outras Administracións e consegue investimentos, iso vai redundar na calidade de vida dos veciños. E porque eu me faga unha foto ao lado dos veciños non vai cambiar a situación das súas pensións nin aspectos como a lei de acuicultura. Este concello require volcarse nos aspectos que son de competencia municipal, e independentemente de que, de cara á opinión pública, poida interpretarse coma un xesto que estea acompañándoos nunha manifestación ou nunha reclamación, iso non vai supoñer que se solucione o problema. Eu creo que no que temos que estar é en dar resposta ás cuestións nas que realmente podemos conseguir logros. E cos sectores produtivos, estamos aí para apoialos na medida do posible. Algúns ao mellor buscarían unha actuación máis efectista, máis de cara á galería ou de sacarse unha foto detrás da pancarta, pero cada un ten o seu estilo e o seu xeito de facer política.

«Acertarei máis ou menos na xestión, pero ninguén pode cuestionar a miña implicación»

«Sería unha torpeza dinamitar as pontes co NOIA»

Presume da estabilidade que acadou o goberno local desde a súa chegada, pero Santiago Freire non oculta que de cando en vez xorden discrepancias entre os socios do bipartito.

-No último pleno, e nalgunha outra ocasión anteriormente, o NOIA mostrou unha posición contraria á do PP. Hai quen quere ver problemas no seo do goberno.

-O NOIA quere manter o seu espazo, quere manter unha postura diferenciada co PP nalgunhas cuestións. Eu respecto ese criterio, aínda que non o comparto en moitos aspectos. Que o NOIA queira manter posicións diverxentes para poder acreditar ante os seus votantes que non ten o mesmo criterio que o PP é unha cuestión que eles terán que defender e explicar. En liñas xerais, o entendemento e a coordinación foi razoable ata o de agora. Espero que siga sendo así e que esta situación que se deu no último pleno sexa algo illado e que non sexa unha constante de aquí ao final do mandato, porque determinadas decisións teñen repercusión sobre os veciños e sobre o funcionamento do Concello. E desde logo non é nin o máis cómodo nin o máis desexable que alguén que forma parte do goberno, en certas cuestións, contradiga o criterio dese goberno. De cara á opinión pública temos que intentar non dar esa imaxe, cando menos non hai unha razón moi xustificada para que sexa así.

-¿Podería reeditarse o pacto?

-Ninguén poderá dicir que pola miña parte non se tenden todas as pontes para que a convivencia sexa a mellor posible e que se poida manter aberta esa porta cara ao futuro. Sería unha torpeza dinamitar as pontes co NOIA.

-¿Sería un fracaso non lograr a maioría absoluta?

-A situación actual non é moi favorable para as maiorías absolutas, son difíciles. Imos traballar e pelexar por conseguir o mellor resultado, pero tamén entendemos que non é doado. Non faltou moito nas últimas eleccións, pero non podemos confiarnos.