Josefa Martínez: Coa defensa da artesanía por bandeira

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Criticada por uns e eloxiada por outros, a entidade defende o feito coas mans

10 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai tres anos, unha serie de obxectos elaborados mediante plásticos e outros elementos de desfeito para engalanar a vila rianxeira con motivo do Nadal provocaba duras críticas por parte dun sector dos veciños. No pasado mes de decembro, un belén artesanal e mariñeiro instalado no Cuartel Vello da localidade espertaba eloxios e felicitacións entre os residentes e mesmo chamaba a atención dos forasteiros. Detrás das dúas imaxes atópanse as mesmas persoas, os integrantes de Ondiñas Mainas, un colectivo que, lonxe de renderse diante das adversidades, foi quen de superar os obstáculos e conta cada día con máis aliados para a súa causa, que non é outra que a defensa do singular, do único, do feito á man.

Aínda que tódalas ondiñas, denominación que empregan os membros da asociación para referirse a si mesmos, son fundamentais, Josefa Martínez é a que se encarga de engraxar a maquinaria para que nunca falle. Ela ten moita experiencia no eido do asociacionismo e do traballo colectivo. Tanto formou parte da comisión encargada de revitalizar a Semana Santa rianxeira como se puxo a colocar pétalos para contribuír a que as alfombras de Corpus foran cada ano a máis. «O que me move é a ansia de que en Rianxo se fagan cousas boas, de que non se perdan os costumes positivos, de reivindicar o valor da artesanía», explica.

Para conseguir estes obxectivos, Josefa Martínez e os seus aliados recorren á organización de actividades sinxelas, que requiren un investimento económico mínimo, pero que conseguen atraer aos veciños: «Celebramos os Maios cun obradoiro de colares e pulseiras feitos con margaridas. Había un feixe de rapaces que nunca realizaran esta actividade e quedaron moi contentos, ao tempo que serviu para que as súas nais rememoraran unha acción que era moi común na súa infancia».

Pezas únicas

Este colectivo que tantas dúbidas sementou naqueles duros comezos, mesmo conseguiu que os veciños de Rianxo se animaran a amosar tesouros que agochaban nas súas vivendas. Foi nunha exposición de artesanía que recibiu 700 visitas: «Había unha cortina con máis de 150 anos e colchas que tiñan un século de historia. Son pezas que teñen moito mérito e que a xente está desexando ensinar, labores que se facían con moito traballo e que poden seguir realizándose a día de hoxe», comenta Pepa Martínez.

Reivindicar a importancia de todas esas pezas únicas, cuxo valor é incalculable, e lograr que as novas xeracións se animen a seguir unha tradición que corre o risco de desaparecer son as metas que perseguen as ondiñas. Pepa Martínez considera que é posible enganchar á mocidade, aínda que ofrecéndolle propostas diferentes e innovadoras: «Penso que hai futuro porque a xente quere escapar de todo o que se fabrica en serie, sobre todo á hora de facer un agasallo. Valórase moito o feito á man, o que ten un toque diferente».

Conscientes de que o que fan non é do agrado da totalidade, as ondiñas seguen apostando por engalanar espazos públicos e por participar en boa parte das celebracións e actividades culturais que se levan a cabo na vila: «Ás veces somos criticados, pero é normal, xa que non hai nada a gusto de todos. Quedámonos co positivo, co apoio que temos e con ver a cara de satisfacción dos rapaces cando conseguen facer un disfrace cunha bolsa de plástico», comenta Josefa Martínez, quen non dubida á hora de sinalar que acadar a unión das persoas nun proxecto común é para ela a maior das recompensas. Nesta liña está precisamente o reto que se marca para o futuro: «Implicar a máis xente é o noso gran propósito». Ás ondiñas gustaríalles que a paixón pola artesanía estoupara en Rianxo o vindeiro mes de xuño: «Queremos conmemorar o día mundial da calceta en público cunha quedada na que nos gustaría reunir a moitas persoas realizando as súas labores».