Covadonga Rodríguez: «Os enfermos mentais están vivindo por debaixo do límite da pobreza»

Denuncia que a maioría perciben unha pensión mensual que non chega aos 400 euros


ribeira / la voz

Aos problemas de saúde e de integración na sociedade que sofren as persoas que padecen unha enfermidade mental súmanse en moitas ocasións as dificultades que teñen para subsistir debido á escasa contía das axudas que perciben. A coordinadora da Creba, Covadonga Rodríguez, estivo en Voces da diversidade, un programa de Radio Voz Barbanza, para falar da precariedade económica na que se atopan boa parte dos usuarios deste e doutros colectivos similares.

-¿Tan precaria é esa situación económica das persoas que sofren unha enfermidade mental?

-Aproximadamente un 90 % dos usuarios da Creba están vivindo cunha pensión non contributiva, de 369 euros ao mes. Son 14 pagas, pero é unha cantidade que dá para bastante pouco.

-¿Existe outro tipo de axudas ás que poidan recorrer?

-Hai outro tipo de axudas, pero para casos moi concretos. Por exemplo, cando se trata dunha persoa orfa pode compatibilizar a pensión por orfandade coa prestación por fillo a cargo que cobraría o pai ou nai, pero estamos falando de pouco máis de 400 euros. No caso de que recibiran isto, xa non poderían optar á non contributiva, que é incompatible con practicamente todas as axudas.

-Parte desas contías van ademais dedicadas á compra de medicamentos, ¿é así?

-Efectivamente, porque boa parte destes usuarios da Creba son enfermos crónicos que teñen que tomar medicación toda a vida. Os importes son baixos, pero desde que se estableceu o copago teñen que colaborar no pago dos medicamentos. Ao mellor abonan uns 8 euros ao mes, pero para a cantidade que perciben é unha cifra importante.

-Ademais, estes tratamentos teñen que apoiarse en moitos casos en outro tipo de terapias...

-Si, nós temos un centro de rehabilitación e o que tentamos é tratar aos usuarios naqueles aspectos que teñen máis deteriorados; por exemplo, no eido das habilidades sociais ou en temas de recuperación cognitiva. Somos un centro concertado e temos un programa de becas para que ninguén quede fóra por cuestión de diñeiro, pero non é un servizo público e gratuíto. O transporte non está cuberto ao cen por cento e os usuarios ás veces teñen que achegar unha contía. É complicado nalgúns casos.

-¿Pode darse entón o caso de que haxa enfermos que non se beneficien dos servizos da Creba por non poder afrontar o gasto?

-Pódese dar, pero non estamos permitindo que suceda. O máis grave, desde a miña perspectiva é que a falla de diñeiro impídelle aos enfermos mentais ser independentes. Non poden alugar un piso, non poden vivir dunha pensión, non poden facer unha vida social mínima, falando de detalles tan sinxelos coma ir ao cine. Hai usuarios que teñen que aforrar para ir ao podólogo ou ao dentista, especialistas que non entran na Seguridade Social.

-O papel das familias será entón fundamental.

-Totalmente, porque con esa cantidade estas persoas non sobreviven. Alimentación, roupa, servizos variados... calquera que faga números xa se dá conta ata onde chegan eses 400 euros.

-¿É posible a inserción laboral?

-Este é un tema moi complexo. Déuselle moitas voltas e temos unha porcentaxe de poboación con enfermidade mental que non pode traballar, nunca traballou e probablemente nunca o fará porque o seu nivel de formación e de experiencia non lles vai permitir acceder a un emprego. Están condenados a vivir dunha prestación non contributiva. Nalgúns países estase barallando a posibilidade dunha renda básica de inserción, pero de momento aquí non temos esa posibilidade. A xente que non pode cobrar unha prestación non contributiva e está inscrita no INEM ten a posibilidade de acceder a algún tipo de axuda, pero non é unha seguridade de cara ao futuro.

-¿Cal pode ser a solución?

-Descoñezo cal pode ser, pero hai que poñer o tema enriba da mesa, hai que ter vontade política no sentido de pensar que existe unha poboación con moitos problemas para acceder a un traballo e que ten uns ingresos precarios. Non sei se a solución é facilitarlles vivenda ou un bono para comidas, pero hai que poñelo enriba da mesa, porque os enfermos mentais están vivindo por debaixo do límite da pobreza.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Covadonga Rodríguez: «Os enfermos mentais están vivindo por debaixo do límite da pobreza»