Ramón Blanco: «Cando a poesía é boa debe procurar ter unha vontade case filosófica»

O seu poemario «Se pedra na brétema» vén de gañar o certame Lorenzo Baleirón


ribeira / la voz

Cando tiña 16 anos, Ramón Blanco fíxose coa primeira edición do premio de poesía da súa vila natal, o Francisco Añón de Outes. Aquel galardón, unido á afección compartida cos seus colegas do desaparecido colectivo Sacou, constituíron unha sólida plataforma de lanzamento no eido literario. Daquela, escribía e soñaba con conseguir tamén o Eusebio Lorenzo Baleirón, un certame convocado polo veciño Concello de Dodro. Hai unhas semanas, acadou o obxectivo co seu poemario Se pedra na brétema, unha obra que ve a luz agora, pero que empezou a cobrar forma hai xa varios anos.

«Escribo en cadernos, en panos de papel ou en calquera soporte que teña á man. O que fixen para elaborar este libro foi recuperar textos de caixóns e carpetas, peneiralos en función da súa temática e seleccionar aqueles que tiñan unha cohesión». Este foi o proceso que Ramón Blanco seguiu para elaborar o groso dunha obra que completou cun 20 % de novas creacións. O resultado é un conxunto de versos que o propio xurado do Eusebio Lorenzo Baleirón considerou un único poema: «Realmente, a miña pretensión era esa, que non fora un libro de poemas, senón un texto único».

E se complicado, polo que ten de pouco usual, foi o proceso de creación da obra, non menos difícil é, incluso para o propio autor, explicar a liña temática. Asegura que hai dous elementos recollidos no título que constitúen o eixo central: «A pedra coma o que permanece, o que é difícil de destruír; e a brétema, o contrario, o que é difuso. A escritura sería esa vontade de escribir, coma a pedra, iso que quere ser firme e durar no tempo; e a brétema sería a confusión que rodea a escrita, que contén a inevitable fugacidade. Tamén se pode levar ao caso dunha enfermidade de demencia ou alzhéimer, con esa memoria que queremos conservar pero non somos capaces».

Máis ca un poeta

Aínda que os dous premios que ten ata o de agora o autor de Outes foron obtidos por dous poemarios e asegura que este é o xénero co que se sinte máis cómodo, non é o único que práctica. No pasado sacou á luz unha biografía sobre Francisco Añón e outra sobre a súa irmán Nicolasa. «Teño outras obras en prosa, pero non considero que teñan calidade como para seren publicadas», sostén. Ramón Blanco non agocha que é un escritor perfeccionista, que busca ir máis alá das sinxelas aparencias: «Hai xente que a ve coma un conxunto de versos rimados, pero, para min, cando a poesía é boa debe procurar ter unha vontade filosófica, tamén estética evidentemente, pero ten que expresar pensamento e que esa reflexión lle sirva de espello á xente».

O escritor de Outes non dubida á hora de recoñecer que a poesía é un xénero complicado e pouco lido, aínda que desde a súa faceta de profesor trata de que as novas xeracións entren en contacto con este estilo: «Tento meterlles algo de poesía, pero case sempre como unha opción voluntaria. Hai que cumprir prazos e currículos e o tempo é o que é, polo que a poesía queda relegada no eido escolar. Non é xusto, sobre todo agora que se fala de educar ao alumnado en emocións, e que máis emoción literaria pode haber que un bo poema».

Ademais de transmitir coñecementos, algo que lle apaixona, exercer de mestre permítelle ao veciño de Outes ter tempo suficiente para escribir e, sobre todo, para ler: «Aínda que non debería dicilo, non leo demasiada poesía, pero si moita novela. Entretéñenme as de temática policial», confesa.

Na súa faceta de escritor, defínese como «preguiceiro para publicar», pero anuncia que ten un bocexo dun poemario parello ao que vén de gañar o Lorenzo Baleirón, aínda que cunha liña temática diferente, vinculado a paisaxes que foron desaparecendo. Tamén traballa nunha mestura de narración, etnografía e reportaxe xornalística: «Levo varios anos dándolle voltas e espero sacalo algún día».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

Ramón Blanco: «Cando a poesía é boa debe procurar ter unha vontade case filosófica»