Barbantia rompeu o silencio literario de Marcos Calveiro

Despois de catro anos sen publicar, o autor vilagarcián presentou «O xardineiro dos ingleses» no auditorio municipal de Rianxo


Ribeira / la voz

Situémonos no interior da sala Arcos Moldes do auditorio municipal rianxeiro. A luz dun foco apunta cara un piano de cola e un trombón dos que comezan a brotar melodías de puro jazz. Ao outro lado, aluméase o son da fricción do carbonciño contra o lenzo que guían as mans dun pintor veterano para plasmar a faciana de Castelao. Un despregue artístico desa magnitude só pode significar que estamos ante un novo acto da Asociación Cultural Barbantia, concretamente o que deu a coñecer o número 131 do suplemento que se publica mensualmente con La Voz de Galicia, unha cita que estivo marcada pola presentación da nova novela de Marcos Calveiro, O xardineiro dos ingleses.

Despois de catro anos durmindo o sono do xustos no caixón, o último traballo do autor vilagarcián aterra nos estantes das librerías galegas para narrar unha historia ficticia que ten como escenario o mítico camposanto inglés de Rubiáns e, como pano de fondo, o esplendor crecente da Vilagarcía de finais do século XIX e a primeira metade do XX. Para mergullarse nos detalles desta novela histórica que toma como punto de partida a anécdota dun veciño arousán que estivo ao coidado deste cemiterio durante 50 anos, Calveiro estivo acompañado do alcalde rianxeiro, Adolfo Muíños, o historiador Xerardo Agrafoxo e a vicepresidenta de Barbantia, María Xesús Blanco.

Documentación histórica

«Hai dúas características que definen a Calveiro, é un autor moi prolífico e moi galardoado», introduciu Agrafoxo do escritor que acaba de gañar o Premio García Barros 2017, por esta última obra. O historiador atopou dúas novelas no interior de O xardineiro dos ingleses: «Nos primeiros cinco capítulos cóntase unha historia que comeza na primeira Guerra Mundial e acaba no 2011». Ese é o relato que presenta ao protagonista, Edelmiro, o coidador do xardín. Os sete capítulos restantes fan que o lector vista a pel dun investigador, Modesto Filgueira, que constrúe a narración anterior.

«É un xeito de escribir moi común a día de hoxe, recorrer á metaliteratura e que o autor se meta na propia historia que está escribindo», explicou Marcos Calveiro, para aclarar que aínda que se ve reflectido no personaxe de Filgueira non coincide totalmente coa súa forma de pensar. A mecha que prendeu esta novela foi unha reportaxe publicada en prensa do xardineiro, un detonante que foi complementado cunha busca intensa no arquivo fotográfico municipal de Vilagarcía e nos diversos xornais daquela época.

«Sempre houbo dúas Vilagarcías, a dos acomodados e a dos humildes», citou da novela María Xesús Blanco, para inquirirlle ao autor sobre a coidada representación da sociedade galega de entón, unha resposta que sinalou ao fondo documental de entrevistas recollidas para un proxecto da facultade de Historia da Universidade de Santiago. O certo é que O xardineiro dos ingleses recolle referencias históricas que permiten introducir no relato a personaxes reais do pasado, como o pintor impresionista Joaquín Sorolla ou os escritores García Lorca e Castelao.

Pola súa parte, Adolfo Muíños destacou a vinculación de Vilagarcía con Rianxo a través da ría de Arousa e como no municipio barbancés a armada inglesa deixou a súa pequena pegada no pasado. O rexedor tamén agradeceu ao pintor Luís Noya e aos músicos Tano Domínguez e Ramiro Lamas as súas intervencións.

;
Barbantia xunta literatura e música baixo a mirada de Castelao Así foi a celebración cultural que se esqueceu do autor e político rianxeiro e que estivo centrada na presentación da nova novela de Marcos Calveiro «O xardineiro dos ingleses»

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

Barbantia rompeu o silencio literario de Marcos Calveiro