Manuel Ruiz: «No primeiro mandato creo que non souben explicar nin o que facía nin como o facía»

Ramón Ares Noal
MONCHO ARES RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Carmela Queijeiro

O rexedor xustifica o seu desexo de volver ser candidato na necesidade de desenvolver o seu modelo de cidade

28 ene 2018 . Actualizado a las 23:53 h.

Manuel Ruiz Rivas (Ribeira, 1957) está á fronte dunha das alcaldías máis emblemáticas do PP en Galicia, a de Ribeira (27.159 habitantes). Ben é certo que nas eleccións municipais do 2015 perdeu a comodidade dunha maioría absoluta que se prolongara por espazo de 24 anos, pero iso non supuxo ceder o bastón de mando.

-Vostede non disimulou a súa decepción cos resultados das eleccións municipais. Transcorridos case dous terzos de mandato, non lle foi tan mal, ¿non cre?

-A decepción segue aí. Iso é algo que non se cura, porque o resultado veu dicir que o pobo non estaba satisfeito co que se fixo, e, polo tanto, esixía algún cambio. Cando o PP perdeu a maioría absoluta na Xunta, pensamos que podía ser positivo pasar pola oposición. Para a miña formación como alcalde, esta etapa está sendo moi positiva e, ademais, estamos conseguindo aprobar todos os asuntos que consideramos importantes para Ribeira.

-Coa xestión na man, pode que merecese máis naquelas eleccións, pero esta segunda alcaldía tivo a un Ruiz distinto. ¿En que cambiou?

-No primeiro mandato, creo que non souben explicar nin o que facía nin como o facía. Moita xente entendeu que as prioridades do goberno estaban nas grandes obras e non nas necesidades das persoas, cando en realidade non era así porque esas grandes obras fixéronse con fondos alleos. En que cambiei, penso que na primeira alcaldía gobernaba para a maioría á que representábamos e hoxe gobernamos para a gran maioría. Só así se entende que por primeira vez na historia os orzamentos de Ribeira non tiveran ningún voto en contra.

-¿Séntese incómodo nesta posición ou lévao ben?

-Na miña andaina na política municipal recordo que cada vez que Torres Colomer ou Pérez Queiruga suspendían un pleno para negociar algo, sempre había acordo. Agora acontece o mesmo. No primeiro mandato non se puido ver esa capacidade de diálogo, porque esta evidénciase cando se necesita.

-Vostede mantivo que non volvía presentarse, ata que, de repente, dixo todo o contrario. Desculpe que llo pregunte de novo, non vaia ser que cambiara outra vez: ¿vai volver a ser candidato do Partido Popular?

-Sempre pensei que os mandatos teñen que ser limitados, pero oito anos poden resultar insuficientes para levar adiante un modelo de cidade. O desenvolvemento e a capacidade de facer os proxectos de Máis Ribeira Atlántica precisan máis tempo e non se poden rematar neste mandato, quero dicir que o modelo que propuxen é imposible facelo en oito anos, e si en doce. Esa foi a primeira cuestión que me fixo cambiar de opinión; a segunda, o apoio e o interese do partido en que así sexa, polo tanto, se ese interese se mantén, estou disposto a volver a presentarme.

-Pois si vai volver a ser o candidato, imaxine que este entrevistador é veciño de Ribeira e teno que convencer para que lle vote.

-Sobre o que busco para o futuro só hai que mirar ao pasado. A atención social foi unha absoluta prioridade. A pesar da etapa de crise, incrementamos substancialmente todas e cada unha das partidas de gasto social; por outra parte, problemas seculares de Ribeira hoxe non existen. Estou falando do coidado do medio ambiente e da ría, de novas instalacións como a lonxa ou o mercado, as infraestruturas culturais, ou os paseos marítimos. No que pensamos é en facer unha cidade para o goce das persoas.

-Xa que fala de obras, dá a impresión de que están un pouco gafadas porque os últimos grandes proxectos estiveron rodeados de polémica.

-Só se xustifica unha das polémicas. A obra máis importante da nosa historia, a EDAR, deu unha serie de problemas que imos resolvendo, e que se van solucionar con plenas garantías. Ese é o meu compromiso e loita. As demandas de moitos veciños eran xustificadas. Pero no resto das actuacións creo que a controversia era ficticia. Respecto da lonxa, quizais a xente estaba vendo só o continente, cando o verdadeiramente importante era o contido, que foi o que atrasou a entrada en funcionamento, e o mesmo ocorreu co mercado, que está practicamente garantido que se ocupe ao cen por cen. As obras xeran controversia e incomodidades, pero o tempo é o que as pon no seu sitio. Hoxe en día ninguén renunciaría a ningunha delas.