«A miña ilusión na política sempre foi e segue sendo ocupar a alcaldía de Ribeira»

La Voz

BARBANZA

28 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O mandatario ribeirense está a ser lonxevo ocupando cargos públicos electos, e semella que quere continuar.

-Leva máis de trinta anos na política, nos que exerceu de concelleiro, parlamentario galego, deputado provincial e alcalde. ¿Cal destas funcións foi a máis satisfactoria para vostede?

-Síntome como a comida china. A miña ilusión na política sempre foi e segue sendo ocupar a alcaldía de Ribeira, sen embargo, onde máis apreciado, querido e recoñecido me sentín foi como parlamentario, o que pasa é que a ilusión pode máis que calquera outra cousa na vida.

-Esa variedade de responsabilidades permitiulle coñecer a moitas personalidades. Defíname cunha frase a cada unha das que tivo á fronte.

-Ricardo Pérez Queiruga: Era a vocación pola política, exemplo de ética. Manuel Fraga Iribarne: É unha lenda. Unha vida dedicada en exclusiva a acción política. É historia. José Luis Torres Colomer: O político que soubo entender en todo momento aos seus veciños. Alberto Núñez Feijoo: Ten todo o que un pode buscar nun político. É dicir, capacidade, traballo; todas as calidades para dirixir os destinos, por moi altos que sexan. Diego Calvo: Unha persoa con ideas claras e, sobre todo, non lle doen prendas á hora de tomar decisións e de levalas á práctica.

-Só lle queda o Senado. ¿Veremos a Ruiz como nun cemiterio de elefantes?

-Home, o que me gustaría é que o Senado cumprise a misión que ten que cumprir, que sexa unha cámara de representación territorial. Aí eu si me vexo, nese Senado ou en calquera outro sitio, porque sei da miña capacidade de traballar e de aportar. Como nun cemiterio de elefantes non me vexo no Senado nin en ningún outro lugar.

-Fáleme do seu mellor e do seu peor momento.

-O peor foi a crispación que houbo polo Prestige. A pesar de que tomamos todas as medidas para paliar no posible a entrada do fuel, os reproches que se nos fixeron levámolos moi mal porque foron inmerecidos. O mellor tivo que ver cun éxito colectivo: recuperar a Xunta de Galicia tras só catro anos estando na oposición, un fito que non se dou en ningunha outra comunidade.