Nacho C. Beiro. Tamén pintor

EME CARTEA

BARBANZA

CEDIDA

26 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Se a arte actual nace nas vangardas de hai un século, certo é que se vai afianzar nas duras e tráxicas secuelas da Segunda Guerra Mundial e nese clima de frustración existencial e estupor social no que a creación artística ofrecerá unha das poucas saídas posibles a tamaña crise existencial. Unha arte que co tempo se fai produto híbrido, ecléctico e sintético, xa lonxe das utopías experimentais anteriores, así como da representación da realidade, aparentemente esgotada, que nos vén do Renacemento.

Nacho C. Beiro, un artista actual e polivalente (pintor, gravador, ilustrador, muralista, profesor de pintura e gravado) participa das distintas abstraccións -lírica, matérica, xestual, tachista- que en pleno posmodernismo van rexeitar, con maior ou menor insistencia, a figuración, a harmonía tonal e os equilibrios compositivos, como tributo á integral liberdade do artista, disposto a expresar tanto estadios de pura conciencia coma da súa inconsciencia, nun xogo cromático e visual ilimitado.

Linguaxe visual

A arte abstracta non xustifica a necesidade da representación. En consecuencia, C. Beiro utiliza unha linguaxe visual autónoma, adozada de universos significativos eficaces e propios. Un discurso persoal de formas, estruturas, liñas e cor; un idioma tallado en composicións, pinceladas, texturas e mais harmonías de cor a fin de crear territorios exentos onde calquera parecido coa realidade é mero artificio.

Este vehemente noiés segue a agrandar unha traxectoria rica e gozosa como creador. Sabe que a maior parte do potencial expresivo da arte actual non deriva dunha hipotética figuración, máis ou menos realista, senón da forza que emana da forma e da cor. As súas figuracións informais exaltan a expresividade da composición: unha actuación liberada de todo compromiso que non sexa o supremo valor da creación. Forma si, pero forma abstraída -talvez nalgún caso inconsciente e improvisada- onde o único que deixa ver son as xeografías emocionais, intelectuais e intuitivas: a xenuína expresión da emoción sen a razón e as súas restrinxencias.

Todo artista busca a transcendencia: morrer e facerse inmortal. Porén, só a calidade da obra posúe a chave do tempo. Nese ancho vogar e procurar, Nacho C. Beiro practica lances de estilo persoal, nunca unitario. Coñece ben os embates neoexpresionistas da arte alemá, de agresiva técnica, pincelada áxil e gamas polícromas largas e contrastadas. Neste cadro son visibles os trazos marcados, o efecto all over e os empastados, propios dunha abstracción sensual e expresiva de melodía atonal, nun xogo cromático, densamente acentuado, de cores primarias e secundarias, o que non desbota certa violencia xestual, dureza parcial e énfase do proceso.

Formas en si á procura do estético goce común á arte. Pura materialidade do lenzo. Manchas de cor e automatismo surrealista. A pintura ensimesmada, gurgullo dos insondables abismos interiores. O misterio que nos fala. A angustia. Caladamente.