Juan José Blanco: «As infraestruturas que fagamos deben ser para consolidar servizos»

Ana Gerpe Varela
a. gerpe RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

gerpe

Ve esencial crear as condicións para a implantación de empresas e evitar así o despoboamento

25 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A perda de poboación é un dos grandes problemas do municipio de Mazaricos e o rexedor, Juan José Blanco Riveiro, asegura que nos vindeiros anos deben crearse as condicións para conseguir que os cativos atopen, chegados á idade adulta, as condicións para non ter que marchar fóra en busca de oportunidades laborais. Sobre estes asuntos falou no espazo Cita co Concello de Radio Voz.

-No tempo que lle queda de mandato ata os vindeiros comicios, ¿cales son os obxectivos prioritarios a cumprir?

-Acabar os flecos que nos quedan do noso programa. Prometemos auga en varios lugares do municipio e quédanos pouco para conseguilo. Ao mesmo tempo, fáltannos por acondicionar algúns lugares, preto das igrexas, nas que os veciños demandaban aparcamentos. De cara ao futuro, que o PXOM quede rematado e deixar asentada a promoción turística do vindeiro lustro. Temos que pensar que o que se faga no municipio nos vindeiros dez anos vai quedar asentado. As infraestruturas que fagamos deben ser para consolidar servizos. O Concello ten uns recursos limitados e non podemos aumentalos sen a creación de empresas. Senón conseguimos un polígono industrial agora, moito menos dentro dunha década. Debemos lograr que os que agora son cativos vexan que teñen posibilidades de quedarse no municipio cando lles chegue o momento de decidir, porque do contrario vanse marchar. Os que xa se foron é moi difícil que volvan.

-¿Van manter a liña de axudas aos emprendedores?

-Esa é a nosa intención. Durante este tempo déronse de alta unhas 15 empresas, o que implica que se foron asentando novos autónomos. Queremos manter esa dinámica, é unha mágoa que non poidamos dar máis. A base nas zonas rurais é a xente moza que sigue vivindo nelas, conseguir que non marchen é un éxito. Hai que buscar perspectivas de futuro, porque hoxe en día converterse en gandeiro comezando de cero é case imposible.

-O municipio está inmerso na revisión catastral, ¿como pensan paliar a suba que vai implicar?

-É un aspecto que nos preocupa bastante pola incidencia que pode ter no sector gandeiro. Son moitas as naves que non están pagando o IBI e que van ter que facelo a partir de agora. O noso propósito é facer unha bonificación e, mantendo o nivel de ingresos das arcas locais, rebaixar ao máximo o coeficiente do imposto. O catastrazo é un golpe para a zona rural. Ninguén pode entender que teña que pagar máis por unha corte e unha casa na aldea que por un piso na Coruña.

«A nivel de promoción, a nosa presenza en Fitur foi un éxito»

 

A consecución de ingresos procedentes do turismo é un dos obxectivos do Concello, que busca a implicación da iniciativa privada.

-¿Como valora a participación na feira de Fitur?

-Foi unha das mellores edicións. A nivel de promoción, a nosa presenza foi un éxito. Mantivemos reunións con diversos operadores, algúns específicos do Camiño e outros vinculados ao turismo familiar e natural. O que buscamos foi dar a coñecer a nosa oferta dun xeito global. Xa concretamos vindeiras reunións con varios e algúns visitarán o municipio ao longo do ano.

-O Concello pretende ir máis alá do reclamo do Camiño.

-O municipio ten 190 quilómetros cadrados e ofrece moitas posibilidades. Contamos con encoros, castros, elementos megalíticos, espazos para a observación ornitolóxica. Hai dous anos que iniciamos este proxecto e xa imos vendo os resultados.

-¿Hai iniciativa empresarial máis alá do sector hostaleiro?

-Si, estanse creando novas experiencias dentro e fóra do concello. Eramos un municipio de paso do Camiño de Santiago, e agora estamos sendo un lugar de parada obrigatoria.

-¿Pódese conxugar isto co seu principal recurso, a gandería?

-Unha das cousas que máis nos solicitaron en Fitur eran produtos vinculados ao sector lácteo, pode haber un turismo vinculado coa gandería, como xa se fai noutros lugares de España. De feito, hai profesionais que van poñer en marcha negocios hostaleiros e que queren vinculalos coas granxas.