«Non só hai que atender ao enfermo mental, senón tamén á súa familia»

a. novo / m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Destaca a importancia de que os pacientes se sintan sempre apoiados e queridos

22 ene 2018 . Actualizado a las 05:10 h.

Un grupo de profesionais e familiares de persoas afectadas por enfermidades mentais fundaban, no ano 1994, A Creba. Co paso do tempo, a entidade foi medrando e sumando colaboradores. Hai un lustro entrou a formar parte deste equipo Susana Domínguez. Ela traballara no eido da saúde mental e, cando se xubilou, decidiu brindarlle á asociación os seus coñecementos e a experiencia adquirida. Agora mesmo, forma parte da xunta directiva. Desde os micrófonos de Radio Voz Barbanza, animouse a analizar os cambios que experimentou a atención psiquiátrica nos últimos anos.

-¿Como era a atención cando vostede empezou a traballar, a comezos dos anos 80?

-Os tratamentos naquel momento eran moito máis limitados. Eu empecei en Conxo e tiñamos un 980 pacientes ingresados. Traballábase moito cos medios do entorno, saiamos á comunidade para atender os distintos centros de saúde mental en zonas como Ferrol, A Coruña, Barbanza...

-¿Había entón poucos recursos?

-Eramos moitos menos traballadores. Agora hai máis persoal por paciente, pero teño que dicir que a xente estaba moi concienciada cara a psiquiatría, porque viña de facerse unha reforma neste eido. No 93 foi cando o centro pasou da Deputación ao Sergas e tamén saíron á luz medicacións que facilitaban a atención ao paciente. A idea sempre foi, desde a reforma psiquiátrica, reducir as estancias dos pacientes dentro do hospital. Cando un está ingresado, o seu problema acaba sendo crónico e o que se quería era tratar de atender aos enfermos desde a casa.

-Aínda que ás veces semella que se xeneraliza o concepto de enfermidade mental, o abano de problemas é amplo, ¿non si?

-Si, o abano é moi amplo, o que ocorre é que ás veces confúndese enfermidade mental con outro tipo de problemas e a doenza non é recoñecida nin diagnosticada. Ademais, desde a sanidade temos que ter moi claro que non só hai que atender ao enfermo mental, senón tamén á súa familia.

-¿Hai entón enfermidades psiquiátricas que non se perciben con facilidade?

-Exacto, incluso hai casos nos que a enfermidade non está diagnosticada ou si, pero a familia non acaba de entender a situación. Eu sempre digo que, desde os centros sanitarios, había que educar ás familias. Aquí teño que dicir que os familiares participan cada vez máis; desde que hai menos ingresos si que se percibe unha maior implicación por parte dos achegados. É importante que estas persoas se sintan apoiadas e queridas.

-¿Como foi cambiando ese apoio das familias nestes anos?

-A creba é unha institución moi importante na comunidade, porque así como se trata ao paciente, hai que tratar ás familias, que ás veces tamén precisan un descanso. O feito de que os enfermos saian da casa e teñan unha ocupación permite que a familia desconecte. Tiña que haber máis prazas para que a xente non fora tan reticente a favorecer esta convivencia. O coidador tamén se ten que sentir coidado e aí, A Creba fai un papel fundamental. Incluso nós, como profesionais, sentímonos desbordados ás veces.

-E con respecto aos pacientes, ¿percibiu vostede cambios no perfil?

-Creo que non houbo cambios significativos e que o tipo de enfermidades seguen a ser os mesmos. O que si se percibe, cos novos vicios que ten a mocidade, é que xorden algunhas problemáticas que antes non había. Falo por exemplo das drogas, pois o seu consumo provocou a aparición de problemas mentais en algúns casos.

-¿Que iniciativas se levan a cabo desde A Creba para normalizar as enfermidades mentais?

-En principio, temos pisos para persoas que non teñen familiares e alí viven case como autónomos. Dedícanse a facer as compras, van ao centro ocupacional e xestionan a vida no fogar. Desa forma conséguese que estean integrados na comunidade.