Roberto Oliveira: «Boiro actualmente está a vivir unha explosión cultural»

La Voz

BARBANZA

Teovils Stengrevics

O artista ofrece un concerto de música contemporánea nun escaparate da vila barbancesa

20 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe • Escaparate da tenda Telarium (Estatuto de Galicia, Boiro) • 21.00 horas • Os boirenses están afeitos a ter á súa disposición un amplo e variado abano de concertos, pero o que se levará a cabo esta noite é especial. Roberto Oliveira actuará tralo escaparate da tenda Telarium e o público terá que conformarse con escoitalo desde a rúa. Por algo está considerado un dos artistas máis creativos, atrevidos e innovadores do panorama musical contemporáneo de Galicia.

-¿Que vai ver o público que hoxe se achegue á rúa Estatuto de Galicia boirense?

-Pois vou representar un concerto de 30 minutos de duración para multipercusión, electrónica e arte visual sincronizada. Trátase dunha intervención artística na cal só eu vou estar situado dentro da tenda. Os altofalantes e mais o público estarán fóra, na rúa. Mikrokosmos con mucha prisa é un proxecto feito cun tipo de música agresivo.

-¿Como se lle ocorreu a idea de situarse detrás dun escaparate?

-A idea xa ben de moi atrás, dos meus tempos fóra, en Holanda e en Irlanda. Xa tiven a experiencia de traballar nun formato parecido, pero con outro tipo de formación. Conceptualmente, Mikrokosmos está baseado nos tempos consumistas e de alta velocidade da vida (compras, tendas, rúas con xente con présa) que estamos a vivir. Isto quere dicir que estamos presos, que estamos encerrados no noso particular escaparate. Neste caso, a que vai encher a cristaleira durante a intervención vai ser a vermello, o Red Line Distritc de Amsterdam, porque nós somos de algunha maneira os que nos prostituímos nese escaparate consumista.

-¿A que se debe a elección de Boiro para levar a cabo esta iniciativa?

-Por unha banda, a que Boiro é un pobo no que as súas rúas teñen un certo movemento; e logo, a que esta vila actualmente está a vivir unha explosión cultural en moitas disciplinas bastante importante. Ten músicos, artistas plásticos, deseñadores de moda e incluso salas de concertos con gran relevancia dentro e fóra de Galicia.

-¿Que lle diría aos veciños da comarca para que se animaran a acudir a este singular concerto?

-Pois que traian paraugas (risas) e que veñan coa mente aberta para oír, ver e sentir unha actuación musical e artística que de seguro non os deixará indiferentes.

-¿Ten prevista algunha outra actuación nesta comarca nun futuro próximo?

-Pois de momento non. O que si estiven recentemente foi aquí en Boiro, na Pousada das Ánimas.