Mascotas e animaladas

Francisco Ant. Vidal RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

matalobos

20 ene 2018 . Actualizado a las 05:05 h.

Di Xulio que hai certas semellanzas entre aqueles escravistas doutro tempo e certos donos de animais (cando son amos e non protectores), que asemade teñen as mascotas para adorno, ofensa ou xoguete, e non para redimilas dun mal estar ou para usar os beneficios que aportan sen abuso nin imposición; escravistas que, cando xa non lles cumpren as súas expectativas, xubílanas para que outros as aturen, abandónanas lonxe da casa ou sacrifícanas coa hipócrita desculpa de evitarlle unha longa agonía.

Di Xulio que se facía necesario lexislar en pro desta especie de escravos multiservizo, destes animais convertidos en damas de compañía, obxecto de ornamento ou submiso recadeiro, pero tamén matón descontrolado ou caprichoso abusón segundo o gusto do seu amo, porque as mascotas aínda non foron liberadas da escravitude, e por unha galleta que lles dá diarrea son quen de lamber o chan que o seu amo pisa e cando non o fan son zorregadas ata a extenuación.

Pero tamén di Xulio que, se ben se facía necesario liberar a eses mastíns que pasan a vida atados ou castigar a quen os usa en pelexas e festas pouco dignas, tamén era necesario evitar os degradantes espectáculos circenses, a arrepiante imaxe dunha fera metida nunha gaiola a base de lategazos, ou mesmo contra quen fomenta a creación de colonias de animais sen control, co fin de evitar a proliferación de gatos salvaxes alimentados por quen, crendo que fai un acto de caridade, está fomentando a propagación de pragas; evitar que andar pola rúa sexa un viacrucis de obstáculos en forma de excrementos ou que as mascotas se convertan en agresiva arma contra os transeúntes. E non porque o dixera o meu amigo, acabouse aprobando unha lei que en case 50 artigos pretende regular o trato que lles damos, evitarlles a tortura, prever a negación da súa condición ou arredalos do seu medio, todo iso que non é menos inhumano aínda que non sexan humanos. Toda unha serie de regras que agardemos sirvan para poñer orde entre quen confunde o amor ós animais co desprezo ós humanos.