Xosé Vázquez Cobas: «Agora parece que o PP non sabe que facer cos cartos da Edusi»

Ana Gerpe Varela
A. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

O portavoz do grupo nacionalista asegura que a dotación de chan industrial é unha das prioridades

18 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Facendo valer as súas demandas en cuestións que considera prioritarias, como a atención ás persoas socialmente vulnerables, o BNG de Ribeira amosou durante estes dous anos de mandato unha actitude reivindicativa e, ao mesmo tempo, de colaboración co executivo para sacar adiante proxectos. Con todo, o seu portavoz na corporación, Xosé Vázquez Cobas, afirma que «tiñamos expectativas que non se viron cumpridas».

-¿Como valora estes dous anos?

-Estamos un pouco decepcionados porque tiñamos expectativas que non se viron cumpridas. Consideramos que era un período crucial para aspectos como a elaboración dos proxectos da Edusi, a peonalización e para as grandes infraestruturas, que deberían estar funcionando, pero que teñen eivas.

-O BNG refírese de xeito habitual á necesidade de promover a creación de emprego. Se o seu grupo estivera gobernando, ¿que faría para conseguilo?

-En 25 anos de goberno en Ribeira, o PP non creou nin un metro cadrado de chan industrial. Para crear emprego fai falla o solo. Despois de todos estes anos atopámonos con que o municipio carece de espazo para a instalación de empresas. Para nós, iso é unha prioridade. Por iso nós estamos empeñados, neste mandato, en que haxa chan industrial. Para conseguilo, incluso, o BNG moveu a súa postura tradicional sobre o polígono comarcal. Fomos flexibles porque vemos a necesidade. O PP comezou a facer algo agora obrigado. Ao mesmo tempo, consideramos que o comercio local ten moito que dicir e non se está a apoiar. Falábase de facer unha especie de bolsa de locais baleiros para axudar aos emprendedores, e non se fixo nada diso. Tamén pensamos que as peonalizacións son unha oportunidade para crear emprego porque os establecementos tradicionais poden coller pulo.

-A formación que capitanea parece considerar que non se avanza o suficiente na Edusi, no programa de inversión dos fondos europeos, ¿a que se debe?

-Houbo un período, no que se fixeron as propostas, no que intervimos. Foi un proceso de participación que eloxiamos. Agora ben, conseguido iso parece que o PP non sabe que facer cos cartos da Edusi. Un dos elementos esenciais é o proxecto de recuperación de Hesta Kurva. Alí xa se ía facer o conservatorio, o auditorio, agora vaise facer a residencia da terceira idade. O primeiro que debe facer o PP é aclararse. Cando eles se aclaren, que saiban que nós estamos aí.

-¿Os proxectos non se van facer por consenso?

-Niso estamos, pero o que sucede é que un día sae unha noticia dicindo que o auditorio se vai facer na praza do Centenario; ao mes seguinte, que vai ser Nesta Kurva, despois, que aí vai ir a residencia. Danos a sensación de que o goberno está medio sen rumbo. O BNG ten feito propostas para facer outra biblioteca, reordenar os museos, pero todo iso xa cambiou.