Manuel Núñez: «O naufraxio do Santa Isabel sería un guion espectacular para un filme»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

José Manuel Casal

É o autor da primeira versión novelada do tráxico suceso ocorrido preto de Sálvora

17 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A madrugada do 2 de xaneiro de 1921, o vapor correo Santa Isabel naufragou nas inmediacións da illa de Sálvora. No suceso, considerado como unha das principais traxedias marítimas ocorridas en Galicia, faleceron 213 das 268 persoas que viaxaban no barco. A noticia fixo correr ríos de tinta naquela época e anos despois deu pé a un feixe de artigos xornalísticos e mesmo a algún que outro libro de investigación. Pero, ata agora, ninguén se atrevera a imprimirlle ao considerado Titanic galego unha boa dose de ficción. Ata que chegou Manuel Núñez Singala e lle deu forma a Noite de temporal, unha novela rigorosamente documentada que reproduce os feitos reais ocorridos aquela noite, aínda que con diálogos e sensacións inventados.

A historia do Santa Isabel sorprende a todo aquel que se mergulla nela. Un dramático naufraxio nunha noite de temporal e os habitantes dunha illa convertidos en heroes ao arriscar as súas vidas para tratar de salvar aos pasaxeiros do barco son as claves dun relato que se completa con infinidade de detalles. Núñez Singala, director do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela que dedica o seu tempo libre a escribir, decidiu descubrilos todos cando a editorial Oqueleo lle propuxo lanzar unha obra. «O verán do 2016, facendo prácticas de navegación, fondeamos en Sálvora e alí, nun panel informativo, souben do naufraxio do Santa Isabel. Era unha historia da que escoitara falar antes, pero tiña moi poucos datos», lembra.

O suceso regresou á súa mente ao recibir a proposta de elaborar unha nova obra, pero Manuel Núñez non imaxinaba que, no proceso de documentación, atoparía unha historia tan interesante e, ao mesmo tempo, descoñecida: «Chamoume á atención o pouco difundido que estaba o acontecido. O Titanic forma parte da cultura xeral e este naufraxio, tan próximo e fermoso, non é nin de lonxe tan coñecido».

Moitos datos e algunhas dúbidas

Artigos rescatados da prensa e un libro de carácter histórico elaborado por Xosé María Fernández Pazos permitíronlle ao autor lugués obter a información necesaria para darlle forma á súa propia versión do acontecido hai 97 anos: «Quixen facer unha versión novelada do que pasou, baseándome nos feitos reais, pero dándolle personalidade á xente, reflectindo o que podían estar pensando, as súas vivencias e as conversas mantidas».

Se hai algo que chama poderosamente a atención de todo aquel que se mergulla na historia do Santa Isabel iso é o valor que demostraron aquela fatídica noite diversas persoas. Tamén Núñez Singala quedou impresionado con esta parte do suceso: «Especialmente, co segundo oficial, Luis Cebreiro, que puxo a súa vida en perigo; e coas mulleres de Sálvora, mulleres de 1921, cando o papel delas era subalterno, e non dubidaron en botarse ao mar nunha dorna, en plena noite de cru temporal». Aínda que agora é un gran coñecedor daquela traxedia, son varias as dúbidas que planean sobre o seu maxín: «Non se sabe moi ben se as heroínas foron tres ou catro e tamén hai un dos condecorados, o mariñeiro ribeirense Callón, do que non fun quen de atopar información. A maiores, non hai datos sobre a meirande parte das vítimas, que eran inmigrantes».

A gran dose de traxedia que agocha esta historia, sumada aos comportamentos heroicos, entre os que Manuel Núñez tamén destaca o de tres vellos que marcharon cara a Ribeira nunha pequena embarcación á procura de axuda, fan que o escritor sitúe o suceso ocorrido en Sálvora por riba do mesmo Titanic: «O naufraxio do Santa Isabel sería un guion espectacular para un filme, incluso sen ter que forzar ou recorrer a invencións». Asegura que coa súa novela persegue, dalgún xeito, renderlle homenaxe ás vítimas e aos heroes: «Tentei escribila desde o respecto máis absoluto».