O BNG reivindica en Rianxo o dereito de Galicia a «ser dona absoluta de si mesma»

Ana Gerpe Varela
A. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

A formación abriu o curso político no marco do acto de conmemoración do 68 aniversario do pasamento de Castelao

14 ene 2018 . Actualizado a las 16:30 h.

A tradicional homenaxe a Castelao con motivo do seu pasamento, do que se cumpriron 68 anos o día 7, converteu onte a Rianxo no eixe do impulso nacionalista que capitanea o BNG. Foi un acto no que a herdanza dos precursores estivo moi presente e no que a formación devolveu á actualidade a declaración final da primeira asemblea nacionalista de Lugo, para reivindicar o dereito de Galicia «a ser dona absoluta de si mesma».

Nesta liña de conseguir que se materialicen as aspiracións de «Galicia como país», o alcalde rianxeiro, Adolfo Muíños, e a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, mostráronse moi críticos co presidente Feijoo, do que dixeron que busca subordinar a comunidade a Madrid. Fronte a iso, manifestou Muíños, «nós opoñemos afouteza, afinación e tempero».

Ambos aseguraron que os galegos teñen unha débeda con Castelao e coa súa xeración, porque conformaron o nacionalismo e tamén unha idea fundamental: «Precisamos organizacións sen dependencias de Madrid».

Nunha sala do auditorio que se quedou pequena para acoller ao elevado número de persoas que sumaron ao acto, Muíños e Pontón afirmaron que os galegos reciben menos ingresos que o resto do estado, mentres que sendo un lugar produtor de enerxía eléctrica «soportamos unha factura da luz que dá beneficios ás compañías eléctricas ou un prezo da gasolina un 4 % superior ao do resto de España».

Nacións e rexións

Tamén houbo referencias ao proceso catalanista, con palabras de apoio de Ana Pontón para os que están no cárcere. A portavoz asegurou que «estamos nun momento no que hai unha crise do réxime», e manifestou que Galicia corre o risco de quedar fóra do tren das nacións e de que sexa incluída no das rexións. La nacionalista adiantou que o BNG traballará para que iso non ocorra.

A líder frentista asegurou que son precisas novas políticas e estratexias, e fixou o camiño a seguir: identidade, innovación e ilusión. Ao mesmo tempo, fixo un chamamento de cara as eleccións municipais que terán lugar dentro de ano e medio: «Son unha oportunidade para avanzar. Temos un proxecto sólido que ofrecer aos galegos».

Galiza Nova

O encontro en lembranza de Castelao, que supón para o BNG a apertura do curso político, estivo cargado de efemérides. Así, Elvira Blanco, integrante de Galiza Nova, lembrou que este ano se cumpren tres décadas dende a constitución do colectivo vencellado ao BNG.

Blanco, que afirmou que a emigración marcou a vida de Castelao e que non podía evitar comparala coa situación actual da xente nova, obrigada a coller as maletas, comprometeuse a que Galiza Nova continuará «sendo a voz dunha mocidade que non se resigna».

O acto rematou coa tradicional ofrenda floral ante o busco de Castelao e cos asistentes cantando o himno galego.