Eva Veiga: O trío artístico que uniu Antón Avilés

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

cedida

Coincidiron nunha homenaxe ao poeta e ofrecen desde entón recitais musicados

13 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

No ano 2002, cando o Día das Letras Galegas lle foi dedicado a Antón Avilés de Taramancos, Eva Veiga coincidiu con Bernardo Martínez e con Barandán nunha homenaxe ao bardo noiés. Da man de Áncora Producións, o trío era o eixo dun espectáculo no que se musicaban versos do poeta co fin de ofrecerlle ao público un percorrido pola súa traxectoria. Tan ben funcionou a fusión, que deu pé á posta en marcha de Ouriol, un grupo multidisplinar que combina a palabra e o son cun terceiro elemento considerado fundamental, o silencio do público.

Aquela montaxe ao redor da figura de Avilés de Taramancos marcou o comezo de Ouriol, pero o grupo quedou consolidado definitivamente pouco despois, cando entrou Fito Ares en substitución de Barandán. «Os tres nos atopamos moi ben traballando xuntos, porque temos o mesmo concepto estético», explica Eva Veiga. Ese concepto ao que se refire a poetisa pasa fundamentalmente pola improvisación. Ela recita os versos de memoria, o que lle supón mergullarse previamente na obra dos autores a enxalzar, mentres que os seus compañeiros de aventura compoñen os temas en vivo e en directo, convertendo cada sesión en única.

«Isto conforma un todo, entendemos o espectáculo coma unha unidade e tamén como algo que ten tensión, a tensión dun momento que vive por primeira e por última vez a un tempo», apunta a poetisa, antes de engadir que os silencios do público contribúen a redondear o que ela cualifica de espectáculo estético integral. E, en boa parte dos casos, o grupo completa os seus recitais multidisciplinares coa imaxe, que é achegada polo pintor noiés Alfonso Costa, que elabora cadros específicos para cada montaxe.

Intensa traxectoria

Desde o inicio da súa andaina, o grupo Ouriol súmase a cada homenaxe do Días das Letras Galegas que recae nun poeta, pero tamén colle como punto de partida creativo a obra de outros moitos bardos. O ano pasado, por exemplo, montou un espectáculo ao redor da figura de Miguel Hernández, coincidindo co 75 cabodano do seu falecemento, co que percorreu media España. Os versos de Valle-Inclán, a Xeración do 27, Federico García Lorca e Juan Eduardo Cirlot tamén lle serviron de inspiración a este trío ao longo da súa intensa traxectoria artística. Eva Veiga non dubida á hora de sinalar cara Elas falan coma un dos seus espectáculos preferidos: «Dálle voz ás autoras procedentes de literaturas e de épocas moi diversas mediante unha escolla de poesías creadas entre os séculos XIX e XX».

Aínda que naceu no seo dunha homenaxe e debe a súa denominación ao poeta enxalzado, pois Ouriol é un paxaro que habita nos versos de Antón Avilés, este grupo tamén leva a escena creacións totalmente propias. En Deixar que veñas son as composicións da propia Eva Veiga as que inspiran os sons que brotan da frauta e do saxo de Fito Ares, así coma a singular música que Bernardo Martínez achega a golpe de instrumentos de percusión e singulares xoguetes, ao tempo que canta Belén Bermejo.

En breve, Ouriol estreará A maxia das palabras, un recital que ten como núcleo central unha escolla da obra poética de María Victoria Moreno, autora homenaxeada este ano co Día das Letras Galegas e que está especialmente dirixido ao público infantil e xuvenil. «Gústanos moito traballar nos institutos, porque alí se viven experiencias marabillosas, xa que aos rapaces encántalles a poesía», confesa Eva Veiga.

Pero nestes intres, a formación artística está mergullada nun regreso ás súas orixes. De novo, réndelle homenaxe a Antón Avilés con O poeta é un cazador alucinado. «É un autor fundamental, universal, que trae á palabra a luminosidade e a enerxía da súa propia experiencia existencial, traspasada a un coñecemento da linguaxe alucinante», di a parte feminina do trío sobre o bardo de Noia. Ela, coma os seus compañeiros, ten o achegamento da poesía ao público como reto e a satisfacción emocional e espiritual como a mellor das recompensas posibles: «Cada espectáculo é para nós unha experiencia poderosa e transformadora, pois saímos de calquera función diferente a como entramos».

A vindeira cita. O grupo Ouriol presenta hoxe en Noia (coliseo Noela, 20.00 horas) o seu espectáculo O poeta é un cazador alucinado, co que rende homenaxe ao bardo Antón Avilés de Taramancos polo 25 cabodano do seu falecemento.