Santiago Freire: «Esperamos que os novos policías tomen posesión da súa praza en abril do 2019»

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez NOIA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

As celebracións de Nadal deixaron na vila noiesa a resaca dos roubos e actos vandálicos das últimas semanas

11 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O alcalde de Noia, Santiago Freire, foi o convidado desta semana no programa Cita co Concello de RadioVoz Barbanza, un espazo que o rexedor aproveitou para falar dos retos que se presentan nun ano clave para Noia e dos pasos que se están a dar na busca de solución aos roubos e actos vandálicos que se veñen sucedendo na vila nestas semanas.

-¿Que retos trae o novo ano?

-É un ano importante para a nosa vila, celébrase o 850 aniversario e hai programadas unha serie de actividades que van buscar promoción tanto a nivel turístico como cultural de Noia, ademais de darlle un pulo a determinados aspectos da nosa vila para facela máis atractiva. Espero que iso redunde nunha maior afluencia de visitantes e que teña unha repercusión en sectores clave como son o comercio e a hostalería, e nese senso imos traballar.

-¿Pode concretar xa algunha das actividades programadas?

-Hai unha serie de eventos programados no en torno ao 9 de abril, que coincide coa conmemoración do 850 aniversario. Algunha das actividades que están concretadas xa é a realización dun desfile militar e dunha exhibición de paracaidismo, e a posibilidade de celebrar unha xura de bandeira de persoal civil. Tamén se pretenden reforzar as actividades propias da Semana Santa, e hai organizadas unha serie de conferencias ao longo de todo o ano. Están programadas actividades en torno a instrumentos relacionados con pórtico de San Martiño, un congreso de odontoloxía e outro de criminoloxía, buscando un enlace co programa Cuarto milenio. Estase traballando tamén nun congreso de protocolo deportivo, que esperamos que conte coa presenza de figuras destacadas. Cremos que todo isto vai xerar unha maior afluencia de visitantes á vila.

-No novo ano continúan as denuncias por roubos na vila, unha cuestión que preocupa. ¿Que se fixo ao respecto?

-Mantivéronse reunións neste sentido. Independentemente de cantos sexan os efectivos da Policía Local, ninguén pode garantir que non vaian producirse determinadas situacións de vandalismo ou de roubo, pero, evidentemente, canta maior presenza policial ou da Garda Civil haxa maior efecto disuasorio, e hai que traballar nesa liña. Esta semana mantivemos na Axencia Galega de Seguridade unha reunión sobre a posibilidade de unificar os procesos de selección dos axentes da Policía Local mediante un convenio coa Xunta e coa Fegamp ao que nos imos adherir. O Concello de Noia tivo sen cubrir as vacantes da Policía durante anos e hai uns condicionantes, como a taxa de reposición de efectivos que establece o ministerio, que nos limitan.

-¿Que prazos se manexan para a incorporación dos axentes?

-O que se establece é que os concellos que pretendan adherirse ao convenio tomen o acordo como moi tarde en febreiro ou marzo, para que iniciar o proceso de selección. Iso vai posibilitar que en xullo estea concluído para que os elixidos inicien o curso de formación obrigatorio, que dura nove meses. Esperamos que os novos policías tomen posesión da praza en abril do 2019.