Gumersindo Feijoo: «Pescaenverde certifica que o peixe é bo e ofrece garantías ao consumidor»

JOEL GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

BARBANZA

Sandra Alonso

Unha etiqueta promovida pola USC acompañará as especies da frota artesanal galega

09 ene 2018 . Actualizado a las 05:10 h.

Nas lonxas e nos espazos para venda de peixe aparecerá nas próximas semanas Pescaenverde. É unha ecoetiqueta, resultado dun proxecto de transferencia de tecnoloxía, alicerzado en dez anos de investigación en Enxeñaría Química da USC. Acompañará á marca PescadeRias, ¿de onde se non?, que comercializa peixes capturados por 3.000 barcos de diversas frotas artesanais galegas: as que utilizan nasas ou pincho, e outras menos coñecidas, como o trambolín, do Cambados natal de Gumersindo Feijoo, profesor que promove esta iniciativa. «Xa está rexistrada nas oficinas de patentes e marcas española e europea e esta é a primeira fase de explotación por parte da USC. Pescaenverde certifica que o peixe é bo e ofrece garantías ao consumidor, ademais de axudar para que os caladoiros melloren; protexer a nosa produción; e favorecer a sustentabilidade da pesca», explica. A marca, unha vez que se consegue, dura tres anos.

Gumersindo di que «sempre me interesaron a pesca e a súa relación co cambio climático. Tamén pensei que era unha boa oportunidade de ter unha ecoetiqueta para o peixe galego, que valorase a súa contribución para unha maior sustentabilidade». Segundo apuntou, Pescaenverde ofrecerá datos sobre a captura, e que os quilos de CO2 [emisións de dióxido de carbono] empregados non superan un nivel, algo que favorece a loita contra o contaminación.

Tamén aportará información sobre a adecuada taxa de retorno enerxético (TRE), que evidencia canta enerxía achega un alimento, dividida pola que se precisou para que chegue ao consumidor. «A FAO [organización da ONU para a alimentación e a agricultura] defende que os alimentos de maior interese son os que teñen un TRE máis elevado. Para ter a ecoetiqueta de Pescaenverde haberá que cumprir os dous indicadores, que se definen para cada especie e por arte», acrecenta.

Abrir mercados

Sobre o impacto no consumo, indica que un comprador británico pode non coñecer o pincho, «pero se o informamos de que os quilos de CO2 emitidos para a captura con esa arte teñen un nivel máis baixo, iso pode abrir mercados, facer que prefira ese peixe». Neste sentido, Feijo recordou que hai uns días fixeron unha proba nuns supermercados de Santiago, «onde expuxemos documentación sobre Pescaenverde, e comprobamos como as especies coa etiqueta foron as primeiras que se venderon».

A USC é a propietaria da marca, que ten ámbito europeo «e pode ser tramitada para calquera peixe capturado na UE, como o do Gran Sol ou doutros caladoiros, se cumpren cos dous indicadores. Hai consultores externos para o control, como acontece con outras ecoetiquetas europeas. Os limites que se esixen son difíciles de ter. Porén, cando comezamos a facer os cálculos, comprobamos como o peixe galego que se pesca -esta etiqueta non é para o de piscifactoría- ten uns valores moi bos, que poden oscilar entre un 7 e un 12 %. O alimento co TRE máis elevado é a soia, ten un 30 %; porén, non conta con todas as propiedades que ofrece o peixe galego».

Os peixes da marca PescadeRias, de onde se non?, alén da súa calidade nutritiva e trazabilidade, cumpren coas exixencias; é por iso que xa se asinou un convenio entre a Xunta e a USC para comercializar as dúas marcas.

Enxeñaría Química completou a investigación e difundiu internacionalmente esta iniciativa en revistas científicas, como o The International Journal of Life Cycle Assessment, nun traballo asinado por Gumersindo e por Ian Vázquez-Rowe, Pedro Villanueva-Rey e Teresa Moreira.

O proxecto. Pescaenverde principiou hai dez anos e ten en Gumersindo Feijoo e María Teresa Moreira, docentes de Enxeñaría Química da USC, os promotores principais.

Proxección. A ecoetiqueta alicerzou xa 30 estudos e publicacións científicas, moitas delas internacionais.