Goretti Sanmartín: «Se queremos transformar a realidade, temos que decidirnos a dar o salto»

Ana Lorenzo Fernández
Ana Lorenzo RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

xoan a. soler

Transcorrido máis da metade do mandato, a vicepresidenta da Deputación fai un balance moi positivo e destaca a gran aposta pola comarca

07 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Goretti Sanmartín (A Estrada, 1964) non pode negar o gran cariño que sente pola comarca barbancesa, xa que o seu primeiro destino definitivo tras sacar a oposición foi A Pobra, onde traballou como docente nun instituto no que estivo case unha década. Daquela época garda grandes recordos que a fan regresar a miúdo, «e case todas as vacacións paso algún día por aí, aínda que non se me vexa moito».

-¿Que balance fai daqueles anos?

-É un recordo moi pracenteiro, era un centro moi activo e había moita actividade supralocal. Faciamos a Semana da Solidariedade en colaboración cos centros de Ribeira e Boiro, porque había moita relación en común do profesorado destes institutos. Tamén A Pobra era unha vila na que había moito movemento ecoloxista e moita vinculación coa cultura.

-¿Lembra algún feito especial que marcara a súa estadía en Barbanza?

-Recordo un feito especial que ten unha parte positiva e outra negativa. É a lembranza do recital poético que fixemos trala tráxica morte de Juan Lampón e Toño del Río nunha regata. Á maior parte do alumnado a poesía é o que menos lle gusta, e eu sempre intentaba poñer algo de lírica nas clases, e foi despois deste acto cando moitos rapaces me dixeron que por fin entendían o significado da poesía. Ademais, nese recital estaba Paco Souto, o poeta percebeiro que morreu o ano pasado nun golpe de mar. Outro dos meus mellores recordos é a revista A Tabarra que faciamos no instituto e da que aínda gardo todos os números. Tamén as colaboracións de Juan Félix Neira ou a fantástica banda deseñada que facía Fran Outeiral. Hai moitísimos alumnos dos que me lembro, e gardo moi boa relación cos compañeiros e cos estudantes.

-Agora leva máis de dous anos como vicepresidenta da Deputación. ¿Como foi o cambio?

-É un compromiso político que sempre tiven. Eu creo que a xente témonos que mollar na vida, é moi fácil queixarse, e eu sempre fun unha persoa moi crítica ao respecto da nosa realidade, das cousas que pasan, do mal que lle vai á cultura, á lingua, do mal que nos vai en pelexar contra a violencia machista... Se queremos transformar a realidade, temos que decidirnos a dar o salto. É un compromiso que mantiven sempre, xa cando estaba en Barbanza, porque sempre fun unha persoa activa socialmente, porque penso que hai que mollarse as mans, hai que emporcarse, hai que saber cal é a realidade, hai que intentar movela. Hai que criticar, pero facendo crítica para que as cousas se movan.

-¿Que balance fai?

-Para min é un balance moi positivo, creo que fixemos unha auténtica revolución na Deputación, cun acordo de goberno que tiña as cousas moi claras: darlle máis autonomía aos concellos. Hai un proxecto estrela que é o Plan Único, no que tiñamos claro que non había que informar aos concellos de que existían distintas liñas de subvencións para facer certas actuacións, senón dicirlle: ‘Aí tedes os recursos económicos, son vosos e vós decidides en que os queredes investir’. Xuntamos o antigo plan de obras e servizos, máis once liñas de subvencións, creando unha ferramenta para que cada Administración local gaste os cartos no que queira. A proposta tivo moi boa acollida.

-Tamén en Barbanza.

-Si. Os concellos de Barbanza recibiron no 2017 máis de cinco millóns de euros do Plan Único, que se di pronto, e este ano xa saben que van ter de partida -porque logo sempre hai remanentes- catro millóns para Boiro, A Pobra, Ribeira e Rianxo. Aparte, financiamos outras liñas que teñen que ver coa creación de postos de traballo, tanto na área de normalización lingüística, como en servizos sociais, atención comunitaria, deportes, persoal para as oficinas de turismo ou para a limpeza de praias, así como para a dinamización cultural, que nesta zona piden moito.

«Todo o que fai Barbantia é cultura de altísima calidade»

Ademais de botar unha man aos propios concellos, moitas das achegas que a Deputación fai na comarca van dirixidas a entidades sen ánimo de lucro que fan un importante labor, como é o caso de Ambar, que axuda a persoas con discapacidade, ou a asociación cultural Barbantia.

-¿Que lle parece o traballo que realiza Barbantia?

-Sigo a Barbantia desde hai moito tempo e é un proxecto fantástico. De feito, teño practicamente todos os anuarios. Creo que é unha maneira estupenda de levar a cultura a concellos pequenos, e todo o que fai Barbantia é cultura e de altísima calidade, con presentacións de libros, a Romaría das Letras, os anuarios... Penso que é un elemento magnífico de dinamización cultural e todas as iniciativas que esta asociación nos presenta son moi ben valoradas, porque queremos apoiar proxectos que estean enraizados no país, que leven tempo traballando, para que todos eses colectivos que pasaron momentos de afogamento poidan ter esa posibilidade de seguir co seu labor. De feito, pasaron de ter no 2013 arredor de 2.000 euros de subvención a ter no último ano case 20.000. Eu creo que Barbantia tamén é un caldo de cultivo para a cultura en xeral, e este ano podemos dicir que estamos de parabén, porque os premios da Deputación recoñeceron a xente que está ligada á comarca e a Barbantia.

-Faltan pouco menos de dous anos para rematar o mandato, ¿que queda por facer?

-Como nós puxemos as pedras destas liñas fundamentais de cambio, temos que consolidar o Plan Único, ver algunhas cousas nas que poidamos mellorar, aínda que cremos que é unha ferramenta que está moi ben, porque todo o mundo, independentemente da cor política, o valora positivamente. Temos que continuar ampliando a rede cultural, e no 2018 xa hai unha novidade cun programa específico de actividades que teñan que ver coa dinamización lingüística. Tamén queremos seguir axudando ás entidades e loitando contra a lacra da violencia de xénero.