As primeiras cancións infantís de María do Ceo soarán en Ribeira

La Voz

BARBANZA

Ana Garcia

A fadista e compositora ofrecerá o sábado un concerto enmarcado na xira «Cancións para nenas e nenos»

03 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Sábado • Auditorio de Ribeira • 18.00 horas • Coñecida polas súas facetas de compositora e cantante de fados, María do Ceo recalará o sábado en Ribeira para dirixirse a un público moi diferente do habitual, o infantil. O concerto forma parte da xira Cancións para nenas e nenos, que inclúe os temas que compoñen o primeiro traballo da artista dirixido aos nenos. Entre as cancións que soarán no auditorio municipal atópanse Parabéns para ti, Nana para arrolar, O cuco, Tres bolboretas, Nunha folla de salgueiro e unha composición dedicada á Galiña azul de Carlos Casares.

 

O concerto chega da man da Rede de Dinamización Lingüística, da que forma parte o Concello de Ribeira, que persegue que os nenos se familiaricen co galego a través da música e da poesía.

Precisamente neste novo disco, María do Ceo trata de achegar os poetas de Galicia aos nenos. Neira Vilas, Suso Vaamonde e Carlos Casares son algúns dos autores aos que recorreu a fadista para atraer ao público máis novo. O traballo, integrado por un libro e un cedé formado por trece cancións, foi presentado hai un par de días en Compostela.