Barbanza, destino final

Manuel Gago HISTORIADOR E PROFESOR

BARBANZA

31 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

As previsións sinalan que o Camiño de Santiago vai seguir medrando en peregrinos nos vindeiros anos, nun contexto de crecemento turístico xeral que se experimenta no Estado.

Que o produto ten éxito está bastante claro. Creou novas oportunidades en vilas do interior de preocupante futuro como Palas de Rei, Melide ou Arzúa, e está florecendo noutras como A Fonsagrada. Que todos os concellos de Galicia queiran ter un camiño de Santiago non só é oportunista, senón tamén lexítimo desde o punto de vista relixioso e cultural: o peregrino partía desde o seu fogar, alí onde estivera. Todos son camiños cara Compostela.

Pero alén de lexitimidades, hoxe en día o Camiño é máis ben unha serie de produtos turísticos que se van especializando. Ante a saturación do Camiño Francés, por exemplo, os peregrinos que se internan no Primitivo ou na Vía da Prata fano buscando unha maior autenticidade, evitar as pouco piadosas carreiras para conseguir cama nos albergues e aproximarse ao suposto espírito orixinal. Aínda que a compostela impón un traxecto mínimo de 100 quilómetros, xa vimos como a Igrexa ten ultimamente criterios bastante líquidos e permitiu a peregrinación desde A Coruña con só 60 cómodos quilómetros. Non é un mal precedente que poden argumentar os concellos do Barbanza nunha visita á curia compostelá.

E aí é onde o Barbanza ten que decidir o seu futuro: se quere ser un Camiño cara Santiago ou desde Santiago. Porque o gran exemplo dun Camiño desde Santiago é Fisterra: un traxecto xa libre das restricións católicas, que medrou por si mesmo, case sen apoio oficial, e onde os peregrinos reservan un quiñonciño de cartos para darse unha pequena homenaxe gastronómica de celebración de final de etapa. Todo o que aforran nas etapas intermedias gástano alí.

E todo por unha lenda e nunha paisaxe. Vexo á zona Barbanza non só como punto de partida, senón máis ben como destino final do peregrino na súa andaina. Un lugar que non é unicamente un punto de paso, senón unha estación na que atoparse á fin, despois dun rebumbio dun Camiño xa demasiado masificado.