Alberte Pagán: «Sempre vin truncados os meus intentos de publicar creación literaria»

Denuncia o medo das editoriais para imprimir textos de vangarda


Este home é un dos cineastas máis prolíficos de Galicia. No seu haber conta con películas políticas e experimentais rodadas nos cinco continentes. Tamén cun importante fato de libros. É unha das persoas máis coñecidas e respectadas no eido cultural da Barbanza.

¿Cando empezaches a facer películas?

-Empecei a rodar, en 16 milímetros, nos anos 90, pero nunca cheguei a montar esa ducia de bobinas que, porén, chegaron a ser proxectadas nunha das primeiras edicións da (S8) Mostra de Cinema Periférico da Coruña. Logo comecei a traballar en vídeo, primeiro analóxico e despois dixital. Nunca deixei de filmar xentes, paisaxes e conflitos, pero non estreei as miñas primeiras películas até o 2004.

¿Ao redor de cantas películas tes editado?

-A día de hoxe teño 34 películas, ás que habería que engadir media ducia de colaboracións. Seino porque as numero nos créditos finais, para evitar a tentación de renunciar a algunha delas pasados os anos e para pór ao mesmo nivel a ficción e o documental, ou a breve peza de un minuto (A mosca) e o fresco de seis horas (Tanyaradzwa), porque todas conforman un conxunto.

¿De que películas estás máis orgulloso?

-Bs. As. é a película que máis alegrías me proporcionou, e a que me deu a coñecer, pero non é a miña preferida. Eu creo que Tanyaradzwa é unha gran película, e lembro que tiña grandes expectativas con ela. Finalmente foi rexeitada por case todos os festivais, entendo que en gran medida debido á súa duración. Con todo, foi premiada no festival Play-Doc.

¿Cales son as materias -viaxeiro, cineasta ou escritor- coas que te desenvolves mellor?

-Quizá o que me dea máis pracer nesta vida sexa viaxar. As viaxes alimentan a miña existencia e a miña creación, sexa esta literaria ou cinematográfica. Son un cineasta prolífico e un escritor de escritura lenta. Isto talvez sexa porque a cámara fai a metade do traballo; a escrita precisa, no meu caso, dunha maior concentración e investimento temporal.

¿Últimos traballos que saíron á luz?

-O mes pasado puiden estrear no festival Cineuropa de Compostela oito das miñas últimas películas. Estas pezas conformaron un programa máis ben abstracto. Seis delas forman parte dunha serie na que sigo a traballar e que se chama Superfícies; nela collo imaxes recentes ou vellas e proxéctoas sobre diferentes superficies (unha parede de granito, unha árbore, o corpo dunha persoa...), ás veces buscando a similitude de texturas, outras perseguindo o contraste.

¿Fixeches algún traballo vinculado coa Barbanza?

-No ano 2009 a Mostra de Curtas de Noia encargoume unha peza, que se proxectou con música en directo de Pablo Sax e Andrés Castro. Chamábase Eclipse metanoico e mostraba as paisaxes, tradicións e festividades do Barbanza. Por outra banda, a miña casa e a miña parroquia aparecen continuamente nas miñas películas, como n’A pedra do lobo ou en Puílha 17 janeiro 2010, que collen o título de senllas aldeas de Nebra.

-Tes un libro sobre Warhol e outro sobre James Joyce. De que tratan?

-O libro de Andy Warhol é o único monográfico que existe en español sobre o cinema do artista estadounidense. De James Joyce sempre me fascinou a súa derradeira novela, Finnegans Wake, unha obra de vangarda da que traducín ao galego os dous primeiros capítulos. Tamén publiquei un estudo en profundidade sobre ela, chamado A voz do trevón.

¿Por que autoeditas os teus libros?

-Basicamente por necesidade. E por incumprimento de contrato por parte dunha editorial. É curioso que nunca tiven problemas para publicar ensaio, mesmo en editoriais españolas de prestixio como Cátedra. Pero sempre vin frustrados os meus intentos de publicar creación literaria, sexa poesía, teatro ou narrativa. Quero crer que non se trata dunha cuestión de falta de calidade (sobre todo se vemos a cantidade de lixo literario que se publica), senón do medo ou da falta de risco ou de preparación das editoriais para publicar textos de vangarda. Non deixa de ser curioso que publiquen os meus textos sobre a vangarda máis exixente pero rexeiten os meus textos vangardistas.

-Semellas un cineasta na procura das causas perdidas...

-Gustaríame crer que non están perdidas. Unha boa parte da miña filmografía é directamente política. Filmei Palestina e o Sáhara occidental. E é certo que estes dous conflitos, enquistados ao longo das décadas, non invitan ao optimismo. Pero temos outros exemplos máis positivos, como a Colombia que retrato n’A realidade e que agora enceta un período de paz coa transformación da guerrilla das FARC en partido político. Esperemos que non os asasinen a todos como aconteceu no pasado con experiencias similares, e teñamos que volver xustificar a frase de Brecht de que só a violencia axuda onde a violencia impera.

Ata aquí as verbas deste intelectual comprometido coa realidade do seu tempo. Un compromiso admirable pola súa teimosía. Parabéns sinceros!

Viaxeiro polas terras máis incógnitas

Alberte Pagán naceu no Carballiño. É un recoñecido cineasta, escritor e viaxeiro polas terras máis incógnitas deste planeta camiño da perdición. As súas últimas viaxes tiveron como destino un lugar chamado Somalilandia, as contornas de Ulan Bator, as terras do Transdniéster ou as complicadas repúblicas caucásicas. Non sabemos se algunha vez estivo nas Cíes, na praia das Catedrais ou na Ribeira Sacra, pero soubemos que ultimamente viaxou ás illas Mauricio e ás Reunión. Talvez nunca percorreu a muralla de Lugo, pero estamos seguros que algún día viu a Muralla de China, percorreu o Camiño do Inca ou a Ruta do Che.

Seguir leyendo

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Alberte Pagán: «Sempre vin truncados os meus intentos de publicar creación literaria»