Muros, o pasado debuxado na paisaxe

A vila segue sendo un espazo vivo que convén descubrir


No plano, Muros semella un peixe, coa cabeza formada pola antiga vila amurallada e unha estrutura ósea, singularizada nun eixo viario central, cortado por unha chea de pequenas calellas que ascenden dende o mar ata a montaña, bautizadas con nomes peculiares, que se corresponde co que sería o antigo arrabalde mariñeiro da Ribeira. Pero, para comprender a xeografía urbana de Muros, hai que prescindir de planos e subir ao alto do campanario da antiga Colexiata de Santa María, que domina o horizonte. Dende o alto, toda a historia de Muros semella sinxela, como se se explicase por si mesma.

Miramos o espazo arredor da igrexa e comprobamos que a forma deste Muros é curiosamente compacta e sensata. Un casarío apertado descende en dirección ao mar tranquilo e fermoso. Na traseira da igrexa, unha grande área desocupada e baleira forma hortas e lugares libres de edificación. Todo o conxunto aparece dominado pola pegada dunha muralla pétrea que o envolvía todo no pasado. Nalgúns tramos, o muro faise aínda hoxe visible. Mirando máis alá da praza do Concello -o elo de unión dos dous espazos senlleiros de Muros- o barrio da Pescadería alonga a figura da vila a través do estreito corredor entre o mar e a montaña.

Arrabalde da Ribeira

O poder alcanzado polo antigo arrabalde da Ribeira maniféstase no protagonismo deste Muros lonxitudinal, fluído e vaporoso, fronte ao núcleo murado máis compacto e carnoso. Un leve declive entre os edificios, unha especie de brecha que cruza o barrio polo seu centro, partíndoo oportunamente pola metade, sinala a rúa principal -o antigo Camiño Real-, que semella un río limitado por edificacións. Xa a nivel de rúa, sorprende ao paseante de Muros a súa harmonía, cunha fermosa uniformidade construtora dos seus edificios de soportal e galería que prolongan o seu estilo ao longo da fachada marítima.

Quen se interna no seu casco histórico accede ao mundo das antigas vilas pesqueiras galegas, de barrios de pescadores, coa súa arquitectura asoportalada en granito, as súas casas terreas, do pincho, do remo, con corredor, con patín ou galería, as mansións señoriais dos señores da vila, os edificios das institucións de caridade, e os contedores relixiosos que levantaron os poderosos gremios do mar.

Pero, ademais, Muros, a diferenza doutras vilas históricas, segue sendo un espazo vivo que convén descubrir máis alá das pedras ilustres que singularizan moitas das súas construcións.

Esta vila de Muros, ao igual que todas aquelas que souberon conservar o seu patrimonio construído, leva o pasado debuxado na paisaxe. Coma nun libro cheo de palabras, a paisaxe construída atópase poboada dunha chea de símbolos que hai que aprender a ler para chegar a un mellor e máis completo entendemento da súa rica historia.

O diálogo así entre os elementos construídos da vila e o espectador farase máis transparente e fluído, e o goce do espazo urbano adquirirá unha dimensión descoñecida.

A vila ten un eixo viario central cortado por unha chea de calellas

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
11 votos
Comentarios

Muros, o pasado debuxado na paisaxe