Raquel Ramos: A Xulieta que axuda a crear canteira

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Integra o elenco da compañía de Asados, pero tamén dirixe a súa escola de teatro

19 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Forma parte da gran familia de Airiños desde hai só un lustro, pero eses cinco anos foron suficientes para que Raquel Ramos pasara a desempeñar un papel fundamental na mítica compañía de Asados. Sobre as táboas, é a Xulieta da singular versión que a agrupación que dirixe Esther F. Carrodeguas vén de estrear do clásico de Shakespeare. Entre bambolinas, axuda a crear canteira para garantirlle un longo futuro ao grupo que, alá polo ano 1933, iniciara a súa andaina da man dos curmáns de Castelao. É a directora da escola de teatro de Airiños.

E iso que Raquel Ramos ingresou na compañía rianxeira desempeñando unha función moi diferente á de actriz. «Esther, que me coñecía da universidade, díxome que precisaba unha persoa para a iluminación e eu aceptei», lembra xusto antes de desvelar que o verme da interpretación xa corría polas súas veas: «Eu xa sentía inquedanza por ese mundo na facultade, e mesmo integrara un pequeno grupo de teatro universitario».

Por iso lle custou moi pouco dar o salto para situarse enriba do escenario. Agora, aparece tralo pano convertida na protagonista de Romeo e Xulieta, aínda que ela asegura que na versión que fai Airiños do clásico tódolos actores son clave: «Na reformulación que se fixo do texto todos pasamos a ter un peso moi importante na obra». Do seu personaxe destaca a forza e a capacidade de decisión: «A nova Xulieta é unha muller que goberna a súa vida. Aínda que se namora perdidamente de Romeo, é feminista e moi moderna».

Coñecedora da traxectoria de Carrodeguas e do seu gusto por rachar moldes, Raquel Ramos confesa que lle sorprendeu o resultado final da montaxe: «Nin sequera os propios actores nos imaxinabamos un final así para a historia». Non quere, por suposto, desvelalo, aínda que si se brinda a contar outros detalles do espectáculo: «Creo que o que máis lle pode gustar ao público é a actualización que se fai dun clásico e tamén a posta en escena, pois buscouse unha montaxe que traslade aos espectadores a outra época, e tamén roupa, perrucas e maquillaxe acordes».

Dous grupos, 25 nenos

Desde o ano pasado, Raquel Ramos compaxina a interpretación coa dirección de Kabramakabra e Os Fantásticos, os dous grupos que integran a escola de teatro de Airiños. Para ela, formar á canteira dunha compañía con tanta historia é unha gran responsabilidade: «Esta escola foi creada no ano 1998 por José Vilariño e hai xente que comezou con el e está agora no grupo dos maiores». Ademais de instruír a 25 nenos no eido da interpretación, ela escribe a maior parte das obras que representan as novas xeracións do grupo. Asegura que se sente igual de cómoda en calquera das facetas que desempeña: «Cando vexo o que escribo plasmado enriba do escenario síntome satisfeita, pero tamén cando actúo».

Mergullada a nivel profesional na montaxe de programas, Raquel Ramos recoñece que hai cinco anos, cando entrou a formar parte da gran familia escénica de Asados, non se imaxinaba sendo unha peza fundamental do armazón de Airiños, compañía coa que xa viu cumprido o seu soño: «Sempre tiven gañas de participar na representación de Romeo e Xulieta e ese reto xa está conseguido».

Agora, a actriz e directora só aspira a manter as liñas de traballo en marcha, defendéndoas o mellor posible e sumando novos premios. Kabramakabra recibiu hai pouco dúas mencións nos Premios Buero de Teatro Xoven e outras dúas no concurso Concello de Lourenzá pola obra Con S de Súper. Un deles polo talento dos actores e a creatividade do texto, escrito precisamente por Raquel Ramos: «O mellor premio é a ilusión que teñen os rapaces».