Rosana Calvo e Nacho C. Beiro: «O gran problema do gravado é que a xente non sabe en que consiste»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Iniciarán nesta especialidade aos 24 primeiros alumnos da escola do museo de Artes

15 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai un ano puxeron en marcha en Noia Dous, unha galería de arte que inclúe un taller no que, unha vez á semana, imparten un obradoiro de gravado, unha das súas grandes paixóns. Agora, Rosana Calvo e Nacho C. Beiro veñen de ser chamados polo museo de Artes para dirixir o primeiro obradoiro do que aspira ser unha escola de artistas. Os dous coinciden en que era un oco que había que encher e confían en que sirva para impulsar unha vertente creativa que segue a ser a gran descoñecida.

Rosana Calvo non dubida en sinalar que recibiu con gran satisfacción a noticia relativa á posta en marcha desta rama formativa no museo de Artes: «É xenial, porque dá a impresión que, na contra de ir cara adiante, o gravado está retrocedendo nos últimos tempos. Case non hai talleres e ter un tórculo e todo o resto do equipo necesario na casa é complicado».

Nacho C. Beiro, que se confesa un namorado desta especialidade artística, incide na necesidade que hai de impulsala, non só a nivel comarcal, senón en toda Galicia: «Case non hai oferta neste eido. Hai unha escola en Betanzos e o curso que promove o Liceo de Noia, pouco máis». Enxalza polo tanto o feito de que unha entidade coma o Museo do Gravado de Artes se animara a dar o paso: «É un aliciente para a comarca e para a arte en xeral».

El, que é un artista cunha ampla traxectoria, asegura que converterse en mestre non lle supón ningún problema, ao contrario: «Penso que é importante que a xente aprenda de profesionais, de persoas coma nós, con experiencia na materia». A súa compañeira nesta viaxe explica que o curso está pensado para todos, independentemente dos coñecementos que teñan: «Imos traballar o gravado en relevo e oco. Son cursos intensivos e adaptarémonos ao nivel do alumnado».

Unha técnica doada

Do que se trata é de que os barbanceses descubran os segredos desta especialidade artística e se animen a practicala. «O gran problema do gravado é que a xente non sabe en que consiste, por iso é importante que aqueles que sintan curiosidade se animen a vir», comenta Rosana Calvo antes de asegurar que o proceso a seguir é doado: «Todo depende das habilidades que teña cada un, pero a técnica non é complicada, outra cousa é a creatividade á hora de realizar unha obra, que iso non se pode aprender».

Do que está convencido este dúo de noieses é de que o gravado engancha a todo aquel que o proba. «Penso que é porque co gravado ocorre o mesmo que coa fotografía en branco e negro, que encerra unha sorpresa. Nunca sabes como vai quedar o traballo final ata que o estampas», explica Nacho C. Beiro. Rosana Calvo amósase totalmente de acordo con esta apreciación: «Non é un proceso que se poida controlar, como ocorre coa pintura ou co debuxo, xa que a prancha nunca reacciona do mesmo xeito ao ácido e, polo tanto, resulta imposible predicir o resultado».

O que tamén teñen moi claro os dous artistas é que, por moito que traten de explicar con verbas en que consiste a técnica do gravado, será complicado que os oíntes cheguen a entender os pasos a dar: «Hai que ver o proceso, seguilo paso a paso, xa que non é doado facerse unha idea do seu contido», confesa Rosana Calvo. Os dous animan a todos aqueles que sintan curiosidade a que se sumen ao proxecto que está tratando de impulsar o museo de Artes.