Santa Bárbara cando trona

BARBANZA

13 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Algo que hai non tanto era impensable converteuse en realidade. Chove en Galicia e iso é noticia. Atrás quedaron os invernos interminables nos que comezaba a diluviar coa chegada do outono e iamos encadeando temporal tras temporal practicamente ata maio, con apenas unhas concesións de sol cando asomaba a primavera. Agora é unha novidade que caia auga do ceo, e lonxe de maldicila é unha bendición. Porque mira que o temos pasado mal todos estes meses coa seca, que preocupación nos causou a falta de chuvia, que estrés, que mal corpo nos poñían esas mensaxes que chegaban de alcaldes e políticos en xeral alertando de que en cuestión de semanas os encoros quedarían sen auga para abastecer á poboación. E claro, houbo que asumir que había que aforrar líquido e facer un consumo con responsabilidade. En definitiva, comprendemos que é un recurso que non se pode estragar.

¡Menos mal que empezou a chover! E dunha plumada desapareceu a ameaza da seca, ¡que cousas! Dicían que a chuvia en Sevilla era unha marabilla, agora en Galicia tamén, e ademais debe ser milagreira porque con tres días contados de precipitacións xa houbo algún responsable público que se aventurou a dicir que a pantasma da seca desaparecera. Xa non hai perigo de desabastecemento así que, ala, parece que xa podemos ducharnos tranquilos e lavar os dentes sen ter que andar a abrir e pechar a billa cada pouco, que vaia gaita.

O problema de todo isto é que nos acordamos de santa Bárbara cando trona, ou máis ben cando non o fai, e un consumo responsable dos recursos non tería que cinguirse unicamente a períodos de escaseza senón que debería ser o habitual. Porque parece ser que con esta semana escasa de precipitacións os encoros estanse a recuperar e as previsións apuntan a que seguirá así ata o venres, pero o que non sabemos é canto tempo de anticiclón nos quedará por diante ata a próxima borrasca. Segundo están as cousas, poden pasar novamente meses ou semanas sen chuvias significativas e o próximo verán volveremos estar nas mesmas, levándolle ovos a santa Clara, pero para pedirlle que caia un orballo que regue un pouco a terra.

O do consumo dos recursos de xeito responsable é aplicable a todo. Á auga, á electricidade, á calefacción, ao uso do coche... Porque neste planeta, polo menos neste mal chamado primeiro mundo, temos moita tendencia ao exceso. Iso de andar pola casa en manga curta cos radiadores a ferver e a ventá aberta para non pasar calor non é o mellor para o peto, nin para o cambio climático, que, mira por onde, algo debe ter que ver con este tempo descontrolado.