Defensa persoal contra o machismo

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

08 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Chegou decembro, acendéronse as luces de cores, a televisión está chea de anuncios de xoguetes e de perfumes e todo parece alegría e felicidades porque se achega o Nadal, unhas festas entrañables, para estar coa familia e para recibir algún que outro agasallo. E como por arte de maxia, atrás quedou novembro e, con el, os actos, representacións e discursos que reivindicaban a igualdade e poñían o acento na loita contra a violencia sexista. Un feixe de actividades, que hoxe parecen moi lonxe, encheron programacións culturais e páxinas no xornal. Todo para crear conciencia, aínda que durou ben pouco. Xa as esquecemos porque diso hai moito tempo e agora estamos a outras cousas. Pasa con todo, cos malos tratos, coa xornada dedicada ás persoas con discapacidade ou ca do VIH, pasa o día e pasa a romaría.

Non obstante, o machismo non é unha romaría que se repita cada ano, é unha realidade diaria coa que convivimos e que non se combate con accións illadas nunha data concreta. E menos cando esas iniciativas non inciden na raíz do problema, a educación (ou a falta dela) e os maltratadores, senón que poñen o foco nas mulleres, que polo simple feito de selo convértense nunhas vítimas en potencia.

Son múltiples os exemplos disto que puideron verse hai unhas semanas, pero entre as propostas que a min, persoalmente, máis me chamaron a atención aparecen destacados os cursos de defensa persoal para mulleres. Porque este tipo de actividades supoñen asumir que as mulleres necesitamos estar preparadas ante un eventual ataque que, con bastante probabilidade, sufriremos en algún momento da nosa vida. O saber non ocupa lugar, claro. Para os homes tampouco, que digo eu que tampouco están libres de sufrir agresións. Unhas nocións sobre como reaccionar para zafarse dun agresor non lle fan mal a ninguén.

O que pasa é que non serven para previr o machismo. O que pasa é que a razón pola que as mulleres sofren a violencia das súas parellas, exparellas, familiares ou descoñecidos non é que non saiban defenderse, o problema son eles, por considerarse superiores e con dereito a todo.

Por iso non sei moi ben que teñen que ver os cursos de defensa persoal con reivindicar a igualdade entre sexos e con crear conciencia sobre unha lacra que afecta ao conxunto da sociedade. Non sei moi ben en que van mellorar eses cursos de defensa persoal a vida de mulleres sometidas non seus fogares por uns maridos que xuraron amalas para sempre -porque a violencia adopta moitas formas e non só é física-, ou en que medida iso vai contribuír a educar aos máis novos nuns valores nos que todos, mozos e mozas, se teñan por iguais e se respecten.