RIBEIRA / LA VOZ

Desde onte, Castelao está presente en Ribeira, no Museo do Gravado á Estampa Dixital, de Artes, repartido en tres salas que zumegan a súa figura e maila súa obra. Ao longo das intervencións previas á inauguración da exposición colectiva que se pode ver na instalación, foi o artista Florencio Maíllo o que fixo mención á condición de viaxeiro do pai do galeguismo, e abofé que se constata na curiosidade de que a memoria do poliédrico nativo da rúa do Medio recalou no termo ribeirense pasando por Salamanca, xa que nunha dependencia están a disposición do público os cadros da colección Castelao e os cruceiros. Autobiografía e experiencia vital, do salmantino Florencio Maíllo; e noutra, Castelao hoxe, con creacións de José Fuentes, catedrático de Debuxo e Gravado da Universidad de Salamanca.

Convenio de colaboración

E para reforzar esa relación, no mesmo acto, José Fuentes e o alcalde de Ribeira e presidente da Fundación Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital, Manuel Ruiz, asinaron un convenio a través do que as dúas institucións formalizan unha relación que favorecerá o intercambio de creacións, métodos e formación sobre a arte do gravado, que xa testemuñan as dúas coleccións que poden verse ata mediados de xaneiro, e que son propiedade do museo que as acubilla, formando parte duns fondos que superan as 40.000 estampas.

Quedou constancia nas intervencións de Manuel Ruiz, Javier Expósito, Antonio Cea, Florencio Maíllo e José Fuentes que coa exposición colectiva preténdese reflectir a figura de Castelao como a ven desde fóra de Galicia, neste caso por medio dos dous artistas tan ligados a Salamanca, pero tamén desde dentro, polo que, na terceira sala, unha espectacular escultura de Che Tembra dá a benvida a outra mostra de estampas de distintos creadores galegos feitas para a edición de Sempre en Galiza que no ano 2004 publicou Producións Culturais Artesa.

Os aires de Rianxo encheron o museo, primeiro, coa intervención dos fundadores de Os Rosales de Asados, Maruxa Miguéns e Xosé Romero, xunto co seu fillo Mario, e logo coa fusión das creacións dos artistas coas obras de Castelao, figura imprescindible da cultura e da política, como se encargou de lembrar a deputada provincial Ánxela Franco, quen, nun reivindicativo discurso, lamentou que o rianxeiro no sexa máis coñecido polos galegos, convencida de que se o fose «outro galo cantaría».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Tags
Comentarios

Viaxe con Castelao de Rianxo a Ribeira indo por Salamanca